Adeus a Pepe Triana

PONTEDEUME

18 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Rexentar o ultramarinos Froitas Vázquez, situado na praza da Calzada, provocou que moitos veciños da vila de Pontedeume coñecesen a José Vázquez, alcumado como Pepe Triana. Vivía coa súa familia no mesmo inmoble onde está situada a tenda. O negocio familiar, no que tamén se involucrou a súa muller Manuela, era un deses ultramarinos de toda a vida ao que practicamente todos os veciños lembran haber ir a comprar algunha vez. E foi crecendo aos poucos ao pór en marcha a repartición de froita a domicilio. Un dos seus fillos e a nora tomaron as rendas e agora contan tamén cun posto na praza e abastecen a outros pequenos ultramarinos da comarca. José faleceu o domingo aos 78 anos e o enterro tivo lugar en Perbes. Desde a asociación UCOA destacan o seu gran labor empresarial facendo crecer o negocio como un home «humilde e traballador».