Voz Audiovisual celebrará o martes en Mugardos un «casting» para a súa nova serie

La Voz MUGARDOS

MUGARDOS

ANGEL MANSO

Busca perfís de mariñeiros, mariscadores ou redeiros entre outros

02 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Voz Audiovisual, produtora de grandes éxitos de audiencia da Televisión de Galicia, como Serramoura ou Padre Casares, celebrará o vindeiro martes en Mugardos un casting para elixir figurantes para a súa nova serie. Os perfís que busca a produtora son os seguintes: mulleres e homes, maiores de 16 anos, mariñeiros, mariscadores, redeiros, pescadores e homes e mulleres de pel curtida.

Non é necesario ter experiencia anterior e o único requisito imprescindible é ser maior de idade.

Voz Audiovisual anuncia que o traballo será remunerado e con alta na Seguridade Social. Os figurantes terán que ter dispoñibilidade horaria. A gravación levará a cabo só en días laborables e na zona de Mugardos.

Os interesados en participar no casting terán que acudir o martes, día 4, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, ao Centro de Formación Francisco Vizoso, en Franza, situado na avenida de Francisco Vizoso, número 42. Os que non poden asistir, poden enviar os seus datos persoais con dúas fotos recentes a ana.fontan\vozaudiovisual.com.