Positivo en alcoholemia a lombos de un cabalo na feira do 23 de Moeche

La Voz

MOECHE

CESAR TOIMIL

O xinete guindou na proba un resultado de 1,08 miligramos de alcol por litro de aire expirado

24 abr 2017 . Actualizado ás 19:41 h.

A Garda Civil de Tráfico de Ferrol tramitou unha denuncia contra un xinete que circulaba pola estrada xeral cara a Ortigueira a lombos dun cabalo baixo os efectos do alcol.

Co gallo da celebración da Feira do Cabalo do 23 de abril en Moeche, a máis multitudinaria do ano, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil estableceu un dispositivo especial nas proximidades do recinto «co propósito de asegurar a seguridade viaria e evitar posibles accidentes». Os axentes observaron á altura do quilómetro 25.500 da vía AC-862, preto de Bardaos (San Sadurniño), como un xinete co seu cabalo ocupaba «máis calzada do necesario», polo que, precisa a Garda Civil, «é motivo de infracción ao regulamento xeral de circulación, e tal como disponse nesta norma, como infractor, é susceptible de ser sometido a proba de alcoholemia». O home obtivo nas probas un resultado de 1,08 e 1,06 miligramos de alcol por litro de aire expirado, respectivamente.

Os gardas tramitaron a correspondente denuncia e fixeron entrega do cabalo a un familiar do xinete.