PSOE e BNG alíanse cunha moción de apoio a veciños que rexeitan o cambio a gas natural

FERROL CIDADE

C.L.

Instan ao Concello a supeditar a licenza a que se garantan os dereitos dos que queren seguir co propano

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os grupos municipais do PSOE e o BNG acudirán ao pleno do vindeiro xoves cunha moción conxunta respaldando a decisión de veciños de Caranza e Esteiro que rexeitan o cambio do propano que reciben nos seus fogares por gas natural. En concreto, prantexan que o Concello de Ferrol condicione a concesión de licencias ao cumprimento estrito da legalidade no que atinxe aos consumidores e usuarios, velando polos intereses dos veciños para garantir a súa libre decisión de contratar o produto que consideren máis conveniente.

A moción dos dous grupos de esquerdas na oposición de Ferrol conta co apoio de 413 firmas do barrio de Caranza e outras 400 máis de Esteiro, que xa foron presentadas no rexistro do Concello, pero aínda están recollendo máis.

A voceira socialista, Beatriz Sestayo, e o do BNG, Iván Rivas, compareceron onte en rolda de prensa acompañados por representantes das asociación Ti e máis eu teatro e Mujeres de Caranza, así como por veciños de Esteiro a título particular, que din verse obrigados a liderar a loita contra o cambio de propano por gas natural, xa que as respectivas asociacións de veciños non o fan. No caso de Caranza, as dúas entidades antes citadas incluso están recollendo firmas -din ter xa 300- rexeitando que a presidenta da asociación de veciños, Mapi Rodríguez Venancio, ou calquera outro directivo, os represente ante a administración local ou calquera outra. Fano baixo o argumento dunhas declaracións súas nas que indicaba que o cambio non ten volta atrás e se alegraba da retirada dos tanques, ubicados perto do paseo marítimo, polo perigo que supoñen. O cambio proxectado por Gas Natural, para o que xa presentou solicitude de licenza no Concello, afecta a 3.220 vivendas de Caranza e Esteiro. A empresa gasista asegura que farán as acometidas e os cambios nos domicilios, incluso de caldeiras e electrodomésticos, de xeito gratuíto, ademais de bonificar aos usuarios o recibo do canon de mantemento de por vida. Non obstante, moitos veciños se opoñen, e onte criticaron que o grupo de goberno de Ferrol en Común non respalde a súa moción. O alcalde, Jorge Suárez, asegurou que ninguén os convidara a firmar o escrito, e que o goberno local sempre defenderá os intereses dos veciños. por riba de todo.