A praza de España, outra vez

R.P.P. FERROL

FERROL CIDADE

JOSÉ PARDO

A proposta de cambio de nome por Porta Nova realizada polo BNG incendia a corporación e o debate cidadán

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Para provocar» e porque «teñen fobia a todo o que conteña a palabra España». Esas son as motivacións que Cidadáns ve tras a proposta que mañá levará a pleno o BNG para que a praza de España pase a denominarse Porta Nova, nunha iniciativa que levantou bochas na corporación local. E que, de paso, avivou un debate cidadán que permanecía aletargado desde hai anos sobre este polémico espazo público.

Aínda que o goberno local e o PSOE dicían onte non ter tomado aínda posición respecto ao sentido do seu voto, é previsible que a proposta non saia adiante. Contando coa asistencia de todos os edís -e dado que aínda non se incorporou o concelleiro que cubrirá a vacante que deixou a nacionalista Eva Espiñeira- toda a esquerda tería que votar a favor. Aínda así, tería que recorrerse ao voto de calidade do alcalde para desempatar. Porque ás críticas de Cidadáns tamén se uniron onte as do PP. «Por todos pode ser coñecido cal vai ser a posición do Partido Popular. Pero gustaríame que no pleno se tratasen asuntos máis relevantes para a cidade que estes», sinalou Martina Aneiros. Sen adiantar o seu voto, Beatriz Sestayo sinalou que «o PSOE cre que os problemas da cidade son outros que dar voltas sobre o nome da praza de España». Ana Rodríguez Masafret, de C's, lembrou que a praza de Armas chamábase praza de Churruca en 1813. «Por que non piden que se cambie a nomenclatura do resto de rúas á que había?», preguntouse. «Ferrol necesita política útil, non volver ao século XIX», engadiu.

Debate sobre a pasarela de Santa Mariña e o transporte público

O pleno do xoves someterá a aprobación diversas mocións

R.P.P.

JOSE PARDO

Aínda que previsiblemente o da praza de España levará boa parte do protagonismo, o pleno de mañá debaterá outros asuntos de importancia. Como a esixencia dos veciños de Santa Mariña de que o goberno execute a pasarela anunciada, unha demanda que canalizará en forma de moción o PSOE. «Estamos illados, é terceiromundista», dicían onte Maru Rivera e Fina Saído, da asociación veciñal. O BNG pedirá apoio para que se solicite a anulación e paralización do Plan de Transporte Público de Galicia e que o Concello demande a titularidade dos servizos de transporte. E o PP, que se cre unha comisión técnica de igualdade.