Agricultores e gandeiros impulsan unha plataforma polas desfeitas do xabaril

Carla Elías Martínez
Carla Elías NARÓN

FERROL CIDADE

JOSÉ PARDO

Reclaman á Xunta que traslade a localización da reserva e controle a poboación

16 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Se non toman medidas para o control da superpoblación de xabarís estamos dispostos a todo», anunciou onte José Antonio Muíño. Alzouse como portavoz dun grupo de agricultores e gandeiros da comarca de Ferrolterra na loita contra as desfeitas que causan estes animais, para o que impulsaron a creación dunha plataforma. Agardan poder sumar a afectados de Narón, Ferrol, Valdoviño, Fene, Neda, San Sadurniño e Cedeira, os principais municipios con desfeitas pola reserva de xabarís na contorna da lagoa da Frouxeira.

«Se non toman medidas para o control da poboación estamos dispostos a todo»

Reclaman á Xunta que recoloque o espazo de reserva noutra zona menos perigosa. «Non só é polos danos que ocasionan, é perigoso porque ao lado pasan dúas estradas importantes, a de Meirás e a de Valdoviño», denuncia. Tamén critica que a Xunta non teña cuantificada a poboación de xabaril na zona. De feito, explica outro dos afectados, Argemiro Montero, eles mesmos estanse encargando de facer algún control. «Hai un mes, despois de un repunte de danos, fixemos un control de noite. Cos coches fomos polas fincas máis afectadas para intentar evitar novos danos e chegamos a ver a sete nais con camadas, a que menos tiña, cinco crías», lembra. Estes exemplares atopáronos só na zona entre Meirás e Río do Pozo. «Cando fomos á última reunión coa Xunta nos preguntaban eles que cantos críamos que podería haber. A administración ten que facer este control», reclama Montero. As desfeitas son diarios, denuncian, sen que ninguén tome medidas. «Eu non quero que me indemnicen, quero que o solucionen dunha vez», recalca. Desde principios de maio ata mediados de xuño alóngase a tempada de sementa, un momento con incremento de desfeitas dado que os animais aliméntanse das sementes e non están permitidas as batidas ao ser época de reprodución. Tamén proliferan desde mediados de agosto ata novembro durante a recolección, explica Muíño.

Preto de medio centenar de afectados reuníronse onte con representantes de EU e En Marea no Concello de Narón para impulsar outras dúas medidas de presión. O concelleiro naronés de EU, André Abeledo, levará ao pleno municipal unha moción pedindo medidas, documento que buscan estendelo ao resto de municipios afectados. Pola súa banda, o deputado de En Marea, Antón Sánchez, pedirá explicacións ao Goberno autonómico «ante a súa total falla de interese por este problema» ademais de indemnizacións e estratexias de prevención.