O Uni planea mudarse á Malata

FERROL CIDADE

CÉSAR TOIMIL

As esixencias para xogar a Eurocup fan inviable a Esteiro

26 may 2017 . Actualizado ás 13:18 h.

Despois da mellor tempada da súa historia, a simbiose entre o Star Center Uni Ferrol e o pavillón de Esteiro acabou sendo total. Con todo, agora o club pode seguir crecendo, mentres Esteiro, salvo cunha obra de gran envergadura, non. Cos requisitos da federación internacional para disputar a Eurocup, o polideportivo da Malata presúmese como a única alternativa posible na cidade. Iso si, cunha reparación do parqué, minguado desde hai anos.

O Uni recibiu o mércores, vía Federación Española de Baloncesto, o documento Regulations governing the Eurocup Women, que recolle todas as esixencias para participar na segunda máxima competición continental. Ao mesmo hai que engadirlle o extenso regulamento xeral de competicións de FIBA Europa, vinculante para todos os torneos que están baixo o seu paraugas. En definitiva, un bo regueiro de normas que cumprir para entrar en liza.

Os escollos, como adiantou La Voz o pasado 10 de maio, son tanto técnicos como económicos. No entanto, a remodelación do chan da Malata é a maior prioridade neste momento, tendo en conta que só restan cinco meses para o comezo da competición europea e o tempo sempre corre en contra. O balón apenas bota en varias zonas do parqué, utilizado xa na época do OAR, fai máis de tres décadas. 

Pista compartida co Parrulo

Para a participación europea tamén se fai imprescindible que non existan outro tipo de liñas que non sexan as de baloncesto, un requisito que volve descartar a Esteiro. Con todo, na Malata só se compartiría o espazo co fútbol sala e as áreas das pistas deste deporte só rozarían coas liñas de fondo de baloncesto. Polo tanto, sería viable que xogasen tanto o Uni como O Parrulo, os dous na máxima división, como ocorre no Multiusos Fontes de Sar, onde xogan o Obradoiro e o Santiago Futsal.

Doutra banda, sería necesaria a instalación de fibra óptica, pero este é, talvez, o escollo máis doado de solucionar, pois se podería instalar en calquera momento e só avisando á compaña pertinente. Mentres, entre os aspectos positivos está a capacidade da Malata, que pode albergar ata 4.300 afeccionados, máis que suficiente para a FIBA, que segundo especifica o seu regulamento pide polo menos 2.000 asentos.

«A participación en Europa está no aire. Hai cousas feitas, pero aínda quedan outras por completar. Non hai nada pechado e polo momento non podemos asegurar a nosa presenza», sinala o presidente do club ferrolán, Leopoldo Ibáñez.

O club deberá facer un ingreso de 10.600 euros antes do próximo 23 de xuño

O calendario da Eurocup marca como a primeira data clave o próximo 16 de xuño, último día para que o Star Center Uni Ferrol notifique á Federación Española de Baloncesto que quere xogar a competición europea. Unha semana despois, o 23 de xuño, é o tope para realizar o primeiro ingreso. Un total de 10.600 euros que se descompoñen en tres partes: 10.000 euros corresponderían ao depósito de garantía, unha especie de fianza, que sería devolto se a entidade cumpre todos os requisitos durante a tempada; 500 euros, á cota de rexistro, e os 100 euros restantes, a un seguro. Ademais, ese 23 de xuño será tamén o límite para trasladar a información sobre a instalación de xogo.

Os números que manexa o Uni son de que, para participar, tería que aumentar o seu orzamento nuns 80.000 euros, sobre todo tendo en conta as arbitraxes (uns 1.200 euros por partido na primeira rolda) e os desprazamentos. Por iso, traballan a contrarreloxo para conseguir novas fontes de ingreso.