Multan a unha moza que golpeou a outra cos zapatos de tacón por celos

C. López FERROL / LA VOZ

FERROL CIDADE

Ao comprobar que o noivo chegaba nun taxi, acompañado por outra nova, a acusada dirixiuse a ela descalza

22 may 2017 . Actualizado ás 16:50 h.

Unha moza de Ferrol foi condenada á pena de multa de 900 euros e ao abono doutros 390, cos oportunos intereses legais, en concepto de responsabilidade civil.

Na sentenza ditada pola xuíza do Penal 2 de Ferrol considérase probado que na madrugada do día 29 de novembro do 2015, a acusada apostouse diante do domicilio do seu noivo, agardando que el chegase, despois de que ela abandonase a discoteca na que estaban por mor dunha discusión entre ambos.

Ao comprobar que o noivo chegaba nun taxi, acompañado por outra nova, a acusada dirixiuse a ela descalza e golpeouna repetidamente na cabeza cos zapatos de tacón. Despois agarrou á vítima cando esta trataba de fuxir, polo que tivo ser separada polo noivo.

A consecuencia destes feitos, a agredida sufriu unha ferida inciso contusa no coiro cabeludo, unha contractura no trapecio dereito e a torcedura dun nocello. Foi atendida no servizo de Urxencias do hospital Arquitecto Marcide e tiveron que aplicarlle puntos de sutura na cabeza.

A vítima tardou 40 días en curarse das lesións, dos tres estivo incapacitada para o desenvolvemento das súas ocupacións habituais e non que quedaron secuelas.

No xuízo, a agora condenada declarara que no momento de ocorrer os feitos estaba bebida e que, ao ver chegar ao seu noivo con outra púxose histérica e lanzou todo o que tiña nas mans, coa mala sorte de que acadou á moza.

O noivo, que cando se celebrou o xuízo xa non mantiña a relación sentimental coa acusada, testificou que non viu empezar a agresión porque lle estaba pagando ao taxista e que cando se deu conta xa estaban as dúas mozas agarradas, polo que colleu á súa parella e subiuna a casa.