San Felipe denuncia o seu abandono

FERROL CIDADE

josé pardo

Os veciños demandan solucións ao muro caído e ao aparcadoiro na zona

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

É un dos puntos neurálxicos do turismo en Ferrol, pero non todo son vantaxes para quen residen alí todo o ano. Veciños do barrio de San Felipe , onde se sitúa o impoñente castelo do século XVI e orgullo monumental da cidade, elevaron as súas protestas para denunciar o seu «abandono». Como exemplo expoñen os problemas de tráfico que sofre un núcleo de poboación de difícil acceso pola orografía, pero máis aínda pola falta de solucións a dúas situacións. A primeira, é o corte da estrada desde hai dous anos polo desprendemento, en varias etapas, dun muro que daba sostén a unha vía que se afundiu parcialmente.

O problema remóntase un lustro atrás, cando a parede paralela á estrada que baixa cara á cetaria comezou a caerse. Pero empeorou cando en marzo do 2015 o terreo cedeu e deixou parcialmente oco o espazo inferior sobre o que discorre a calzada. Ante o evidente risco, colocáronse valos para evitar o paso. E así segue ata agora, pondo a proba a paciencia dos residentes.

Desde a Asociación de Veciños o seu presidente, José Luis Vivero, mostrou a súa indignación pola situación. Pero sobre todo, pola falta de solución desde o goberno municipal. «A pesar de que está todo orzado e hai fondos da Deputación, o Concello non o fixo. Din que a parte superior do muro é particular, pero se a de abaixo colapsou, a de arriba non pode sosterse», razoa. Tras reiteradas visitas considera que «é absurdo ir ao Concello, porque uns se botan a culpa aos outros», resume.

Pero ademais, a ese problema súmanse as dificultades de estacionamento nun barrio onde se é difícil circular, máis o é aparcar. Especialmente no verán e durante as pontes, cando os vehículos de visitantes e turistas copan os escasos ocos dispoñibles e ignoran os sinais de dirección prohibida excepto para residentes. E moitas veces os veciños non atopan onde deixar os seus vehículos.

Viveiro relativiza estas queixas porque expón que «cada un quere ter o aparcadoiro diante da súa casa», sinala. Pero admite que «o castelo nunca estivo preparado para ter tantos coches. E o problema é que non se pode ampliar», di. O barrio está constreñido contra o mar. Así que as posibilidades son limitadas. Jose Ortega, outro directivo, avoga por habilitar aparcadoiro disuasorio para visitantes e evitar que os turistas teñan que atravesar o pobo.