A obra máis diabólica de Yllana chega ao Jofre

B. Antón

FERROL CIDADE

J.M. CASAL

A compaña madrileña presenta mañá no teatro ferrolán «666», un dos seus grandes clásicos

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Mañá, domingo • Teatro Jofre • 19.00 horas • 10 euros •

A veterana compaña Yllana -esa raíña do teatro gestual- regresa esta fin de semana ao teatro Jofre para presentar un dos seus grandes clásicos: 666. A peza marcou un antes e despois na historia da compaña e case vinte anos despois da súa estrea segue cultivando gargalladas e excelentes críticas alá onde se representa. E é que, como di Juan Ramos, un dos fundadores de Yllana e membro do elenco de 666 , ás montaxes da súa compaña ocórrelles o que aos bos viños. «Envellecen moi ben e co tempo van tomando corpo e primeiro convértense en reservas e, logo, en grandes reservas», di Ramos, que nesta peza comparte protagonismo con Fidel Fernández, Raúl Cano e Joe Ou'Curneen.

 Todos eles se subirán mañá ao escenario do Jofre para transformarse en catro temibles convictos que agardan a ser executados no terror da morte. Nun excelente exercicio de humor macabro, a montaxe servirase do seu talento para despregar un catálogo de horrores sen chisco de respecto polo politicamente correcto.

A inadaptación dos catro convictos á prisión, a súa difícil relación cos carcereiros ou as desastrosas execucións ás que son sometidos farán que o corredor se converta nun auténtico inferno. As gargalladas están aseguradas.