Un longo caos de vento e lume

O avance do incendio en Ponzos obrigou a desaloxar a medianoite un grupo de vivendas

C.E. M. M. M.A.
Ferrol

Os fortes refachos de vento rexistradas onte, que na estación cedeirense de Punta Candieira chegaron a superar os 145 quilómetros por hora, deixaron tras de si por segundo día outro regueiro de incidencias en Ferrolterra, Eume e Ortegal. Desde primeiras horas da mañá os concellos despregaron operativos con todos os medios dispoñibles para facer fronte ao caos xerado pola virulencia do vento. E a situación chegou a ser especialmente grave en Ponzos, no municipio de Ferrol, onde onte á noite foi necesario desaloxar un grupo de media ducia de vivendas. «En canto vimos que o lume avanzaba, desaloxamos de inmediato», sinalaba un dos coordinadores do operativo, á vez que subliñaba que «previr é o máis importante». A Xunta de Galicia activou o nivel 2 de alerta por proximidade a vivendas nesta zona.

Polo demais, ao longo do día as intervencións centráronse, nun primeiro momento, en liberar as múltiples estradas e pistas que apareceron sementadas de decenas de árbores e en retirar elementos desprendidos das cubertas dos edificios. Nalgúns concellos as ramas e árbores arrincadas afectaron aos tendidos eléctricos e de telefonía, provocando cortes de luz e obrigando a mobilizarse tamén ao persoal das compañías subministradoras.

Mentres tanto, os efectivos contraincendios afanábanse en tratar de pór coto aos lumes forestais rexistrados nas Pontes e Oval, aos que o pola tarde se sumou outra na parroquia fenesa de Magalofes e un cuarto na zona da Lagoa, en Ferrol, sen ben este último controlouse pronto. Os labores víronse dificultadas en todo momento polo forte vento, ata o punto de que onte pola noite seguían activos os incendios do Val e As Pontes, despois de ter calcinado preto de 200 hectáreas.

En Valdoviño, o vento levantou a cuberta dun edificio do CPI Atios, polo que foi necesario suspender as clases. Segundo explicou a xefa de estudos, Ana Ramos, a incidencia produciuse nun parte do colexio na que están as aulas de materias específicas, que non se utilizan habitualmente, pero foi necesario interromper a actividade lectiva porque o edificio quedou sen luz e había elementos do tellado espallados pola zona. O responsable da Inspección Territorial revisou o centro e decidiuse que as clases seguirán suspendidas ata o luns, mentres se realizan os traballos que permitan recuperar a normalidade. En Narón, o persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Emerxencias (Speis) tivo que retirar unha marquesiña arrincada polo vento que caeu ás vías do tren nas proximidades da rúa Bouzas. A estrutura metálica impedía a circulación dos trens.

O vento tamén fixo cachizas en dúas ocasións a porta acristalada da entrada principal do consistorio naronés. A primeira, o mércores pola tarde e onte pola mañá, recentemente reposta, volveu fracturarse. Cedeira tampouco foi allea ás incidencias, como o envorco dunha embarcación, o desprendemento de uralitas dun edificio, dunha antena parabólica doutro, un valo publicitario que abolou tres coches e ata un hórreo veu abaixo.

Votación
5 votos
Etiquetas
Ferrol cidade Cedeira Valdoviño Vigo cidade Narón As Pontes de García Rodríguez Río Eume Comarca de Ferrolterra
Comentarios