Os parques biosaludables caen aos poucos no esquecemento

Carla Elías Martínez
Carla Elías FERROL

FERROL CIDADE

JOSE PARDO

Os usuarios destacan as súas boas condicións e piden máis carteis que expliquen o uso de cada aparello

19 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Eu sempre vexo as mesmas caras e logo os nenos, que lles encanta xogar aquí», comenta María Teresa Rodríguez. Esta veciña de Esteiro de 53 anos é asidua ao parque biosaludable do barrio. «Adoito camiñar todos os días e aproveito para vir un pouco», explica, aínda que onte pola mañá se dirixía cara á súa casa mentres que o parque estaba baleiro. O bum inicial deste servizo deu paso a un lento esquecemento o que provocou que algúns sexan cada vez menos utilizados, aínda que moitos amantes da vida saudable agradecen estas estruturas para facer deporte ao aire libre e de forma gratuíta.

Ferrol dispón de once parques deste tipo -dous en Caranza, e un na Malata, Canido, Esteiro, San Pablo, Covas, O Inferniño, Santa Marina , Recimil e Santa Icía- e a empresa Jardincelas encárgase do seu mantemento. «Temos un planning semanal de visitas e actuacións e dentro dese planning vanse reparando aqueles elementos que o necesiten. Despois no Concello estamos todas as empresas co programa de traballo Barrio a Barrio no que facemos actuacións máis específicas segundo as peticións das asociacións de veciños», explican desde a firma.

David Carrete opta habitualmente polo situado en Recimil. «Está bastante ben, adoito vir ás máquinas e tamén ao campo de fútbol», explica mentres atravesa a zona acompañado da súa familia e o parque está baleiro. É un dos atractivos da praza de Sevilla, poder contar nun espazo aberto con, ademais do parque biosaludable, outra área de xogos infantís e o campo de fútbol e baloncesto, polo que é moi frecuentado por familias.

«Se os usas mal, fasche dano»

Unha das maiores queixas é a falta de información sobre o uso de cada aparello nalgunhas áreas. Mentres que, por exemplo, o de Caranza si conta con carteis explicativos, os de Recimil ou Esteiro non. «A min porque me gusta e máis ou menos se como usalos, pero estaría ben que o puxesen. Se non sabes podes ter medo de empezar por se o fas mal e acábasche facendo dano», recoñece María Teresa . O seu aparello preferido? «Non se como se chama, pero sérveme para as costas e os brazos», comenta. Os usuarios agradecen como puntos fortes o seu bo mantemento. María González, usuaria do de Recimil, destaca os beneficios para a saúde dos maiores. «O médico sempre me dicía que tiña que moverme pero non podo pagar un ximnasio ou unhas clases e veño aquí. Gústanme máis os aparellos de mover as pernas, que as teño moi gordas», chancea.

O primeiro destes parques que se habilitou en Ferrol é o situado no paseo marítimo de Caranza, cuxa construción se remonta a fai nove anos. Aínda que inicialmente este servizo foi concibido para os maiores polos seus aparellos ximnásticos, agora tamén se apuntan os mozos. É o caso de Léa Canales, unha francesa de 23 anos que dá clases na Escola de Idiomas de Ferrol, e o estadounidense Ian Galligar, profesor de 22 anos no colexio cedeirense Nicolás do Río, que onte dispuñan do espazo para eles sos. «Parece que hai algúns aparellos máis novos que outros, pero o que está moi ben é que hai explicacións», agradece Léa. Os mozos aproveitaron os recursos que ofrece Caranza para facer deporte. «Viñemos correndo polo paseo e paramos aquí », detalla Léa. Ian é máis asiduo ao do seu barrio, O Inferniño, do que destaca as boas condicións: «É un pouco máis novo e hai máis xente».