«Este curto é moi inquietante e engancha desde o minuto uno»

FERROL CIDADE

Jose Pardo

Actrices e actores da zona participan en Efectos de maio, o novo curto do realizador Darío Autrán, que este venres se estrea no Dúplex de Esteiro

25 may 2016 . Actualizado ás 12:10 h.

Venres/ Cine Dúplex / 20.30 e 22.30 horas (tras cada pase, haberá un coloquio co director e a repartición do curto)

O tráiler de Efectos de maio, a nova curtametraxe do director ferrolán Darío Autrán, é simplemente arrepiante. Un home novo, pistola en man, vai matando un por un aos seus seres máis queridos na praia de Cabanas. Os que están a piques de morrer agardan polo fatal tiro axeonllados sobre a area, mentres que el, o seu verdugo, loita consigo mesmo para ser capaz de apertar o gatillo. «É que el en realidade non os quere matar, pero ten que facelo como un acto de amor, para libralos de algo terrible que vai suceder e que non se sabe que é», apunta Carmen Blanco , unha das actrices que forman parte da repartición.

 Ao redor deste feito tan desasosegante vira a nova peza audiovisual de Autrán, que este venres se estreará no cine Dúplex de Esteiro cunha sesión dobre (ás 20.30 e ás 22.30 horas) que incluirá un coloquio posterior no que os asistentes poderán charlar co director e os membros da repartición.

Ademais de Carmen Blanco , na cinta participan outros moitos intérpretes da comarca (gran parte deles saídos da canteira da Escola de Teatro de Narón), entres os cales figuran Paula Morado (Urxencia Cero), Mateo González (Amar é parasempre ) ou Abigail Montiel (Matalobos).

Esta última explica que Efectos de maio é a segunda entrega (a primeira foi Niños de luz) da Triloxía dos Acechos de Autrán, na que o mozo e xa recoñecido realizador fai gala do seu «particular, escuro e misterioso» universo creativo. «Fomos xuntos ao instituto Sofía Casanova e xa entón daba mostran de ter un mundo interior moi rico. Acórdome que sempre estaba a escribir historias nos panos de mesa de papel da cafetería e logo dábamas como agasallo», rememora a actriz ferrolá.

Tanto como ela como Blanco aseguran que a cinta reúne todos os ingredientes necesarios para manter ao espectador cos ollos pegados á pantalla en todo momento. «Ten moita intriga, engánchache desde o minuto uno e resulta moi inquietante, tanto que eu creo que encaixaría moi ben no festival de Sitges», apostila Blanco , á vez que Abigail resalta a atmosfera «misteriosa» do filme.

Ademais -e por se iso fose pouco-, Efectos de maio chega ao seu particular The End con algo que anhelan moitos directores de cine: un final «sorprendente» que, segundo anuncia Blanco , «non deixará indiferente a ninguén». Para descubrilo non teñen máis que acudir ao cine Dúplex de Esteiro este venres.