San Valentín salva a súa oficina bancaria

FENE

JOSE PARDO

Abanca manterá a sucursal no barrio fenés tras as presións veciñais

14 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«É unha buenísima noticia», celebraban onte os veciños de San Valentín tras coñecer que, finalmente, Abanca accede a manter a oficina do barrio fenés. A previsión era que estas dependencias pechasen o venres da próxima semana, anuncio que suscitou un forte rexeitamento dos veciños e mesmo o acordo de todos os grupos da corporación municipal contra a medida. A presión foi tan unánime que representantes da directiva do banco adiantaron a onte a reunión prevista esta semana para trasladarlles que paralizaban a medida, un encontro ao que tamén asistiu o goberno local. «Garantíronnos que se vai manter, un compromiso que quixemos que o trasladen por escrito ao Concello», explicou Juan Miraz, un dos veciños portavoces das protestas.

Desta forma o barrio manterá os dous caixeiros automáticos e o servizo de oficina cinco días á semana para trámites do día a día. «O director virá unha vez por semana ou así e algúns trámites máis importantes como hipotecas pode ser que che manden ir á oficina de Fene, pero iso xa pasaba agora», sinalou. Tras a reunión, os representantes do colectivo axilizaron a celebración da asemblea diaria para comunicalo aos veciños.

O alcalde, Juventino Trigo, resaltou a medida aínda que reclamou que agarda que «sexa definitiva». O peche deixaría ao municipio con só dúas oficinas bancarias das cinco coas que chegou a contar antigamente, e a San Valentín, un dos barrios de Fene con máis poboación cuns 1.400 veciños, sen o servizo.

Iniciativa parlamentaria

O anuncio do peche uniu a un barrio que en poucos días conseguiu recoller 1.504 firmas para presentar unha proposición parlamentaria, ás que se suman unhas seiscentas reclamacións individuais ameazando con retirar as súas contas da entidade bancaria. «Hai que ter en conta que San Valentín é un barrio de xente maior, máis de 70 % dos veciños somos prexubilados ou xubilados. O meu fillo leva tres anos nos que xa non lle chega nin un recibo, todo o mira no móbil, pero iso non é para a xente maior», explicou Manuel Veiga. Ten 69 anos, reside na primeira fase de bloques do barrio e é cliente de Abanca «desde que en Astano deixaron de pagarnos en sobres e empezouse a cobrar as nómicas», lembrou. Destacou como maiores inconvenientes do peche os problemas de accesibilidade da oficina á que lles remitían, a situada na avenida Naturais, sen aparcadoiros. «Para ir hai que subir escaleiras, pasar por un túnel, cruzar dous pasos de peóns... para unha persoa maior ou en cadeira de rodas é complicado», lamenta. Coincide nos argumentos Sonia Garrido, residente no mesmo edificio onde se atopa situada a entidade bancaria de San Valentín. «Eu agora podería ir á outra sen problema, pero nun futuro necesitareina, e aquí hai moitos veciños maiores e con mobilidade reducida para quen non é unha opción».