Costas inicia obras na praia para rebaixar o talude

A. F. C. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

xosé cheda

O Concello só admite que tapen a empalizada, por seguridade

08 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As máquinas apareceron o luns na praia da Magdalena, onde empezaron a mover area para tapar a empalizada que deixaron ao descuberto os sucesivos temporais de mar do último inverno. Pero onte xa non estaban, a zona seguía sinalizada e a madeira continuaba á vista. O Concello de Cedeira descoñecía que Costas ía executar estes traballos. «Non nos comunicaron nada, igual que o ano pasado, e non estamos de acordo co recheo de area, agás para que tapen a empalizada, por seguridade, porque por alí no verán pode caer un neno», recoñeceu o alcalde, o socialista Pablo Moreda. O concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal (Anova), insistiu en que se negarán a «que se faga deitado de area na praia». O executivo cedeirense reitera as súas demandas, compartidas pola plataforma en defensa do areal, para a elaboración dun estudo de impacto ambiental, como condición previa a calquera actuación, que se definirá no posterior proxecto construtivo. Así se evidenciou tras a última reunión co xefe da Demarcación de Costas en Galicia, o 20 de abril, cando Rafael Eimil confirmou que os pregos do estudo de impacto ambiental e do proxecto construtivo para rexenerar a praia cedeirense xa foran remitidos ao Ministerio de Medio Ambiente.