O tripartito eleva un 20 % a partida destinada a servizos sociais

LA VOZ CEDEIRA

CEDEIRA

O orzamento municipal cedeirense crece un 7 % respecto ao do ano pasado

24 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O orzamento municipal de Cedeira crece un 7 % respecto ao ano pasado e un 15 % en relación co exercicio anterior, ata acadar os 5.648.367 euros. As partidas que experimentan un maior incremento son as da área de servizos sociais e promoción social, con 866.110 euros, un 20 % máis que en 2016. O aumento explícase pola contratación de cinco auxiliares de axuda a domicilio (suman 25), a posta en marcha de servizos como o transporte para maiores ou persoas enfermas ao centro de saúde ou a renovación dos convenios con Asfedro, Alcer e Afal.

O goberno de PSOE, BNG e Anova destina 660.000 euros a investimentos, a maior parte a través do Plan Único da Deputación. O executivo destaca o saneamento das Pontigas, Casal de María e Vila do Río (198.508 euros); ou cales Paz, Silva e Floreal (149.898); a primeira fase da rehabilitación do vello pazo de Moscoso (213.000); a reparación de beirarrúas e a pavimentación da avenida da Area e a rúa Fraga Iribarne (150.000); ou os vestiarios do campo de fútbol (66.000).

Nova festa da pescada

Para cultura e turismo consignan 405.000 euros (100.000 para as patronais). Inclúe a festa do percebe e outra da pescada (en Semana Santa), o certame de teatro ou as georutas. O alcalde, Pablo Moreda, incidiu en que o proxecto «axústase ás necesidades da xente e ten unha base económica sólida» e destacou que se subvencionan «actividades, non entidades, coma antes». A edila de Servizos Sociais, Manuela López, resaltou o benestar social como prioridade. O PP votou en contra.