O Concello decántase por trasladar os servizos sociais ao vello pazo de Moscoso

A. F. C. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Se o proxecto sae adiante, liberaríase unha planta do autoditorio municipal para outros usos

05 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O departamento de servizos sociais, situado nunha planta do auditorio, podería trasladarse ao vello pazo de Moscoso ou Casa Avelino, construción situada xusto fronte ao consistorio e adquirida no seu día polo Concello. «Queremos darlle continuidade aos servizos administrativos e telos o máis preto posible», sinala o alcalde. O socialista Pablo Moreda ve pouco viable a compra do edificio da antiga estación de buses, proposta polo PP. «Estamos estudando cos técnicos os inmobles que se adaptan ás nosas necesidades (...), neste caso, con 70 metros cadrados útiles de planta, non parece o máis axeitado», comenta, sen esquecer o alto investimento que implicaría.

Os ao redor de 160 metros cadrados de planta do pazo de Moscoso si abondarían, por exemplo, para albergar os servizos sociais, liberando así o auditorio. «Ese edificio naceu para albergar un tipo de casa de cultura, centro de ocio xuvenil e para os maiores, e sería idóneo para iso», aduce Moreda. O mandatario local insiste en que «hai que establecer prioridades» e valora a iniciativa do cronista oficial, Rafael Usero, que leva catro décadas pedindo a creación dun museo. «Se houbera unha planta baixa para poder facelo estaría moi ben, pero o pazo de Moscoso non o vexo; coas políticas de restrición do gasto, a idea é optimizar os recursos que tés e non meterse nun desembolso que non podes asumir. Apoiaremos a creación dun museo histórico, como fixemos co do mar, pero que se adapte ás nosas necesidades», conclúe o rexedor. A actuación que baralla o goberno local no pazo de Moscoso acometeríase en dúas fases, unha centrada no tellado, o saneamento interior e a fachada, e outra para a distribución interior.