Ares agarda un aluvión de visitantes para ver os tapices do Corpus

ARES

JORGE SARMIENTO

Mañá haberá unha misa seguida da procesión cos nenos de comuñón

17 jun 2017 . Actualizado ás 11:08 h.

 Como «unha obra de arte efémera» describe o alcalde de Ares, Julio Iglesias, as alfombras florais coas que o municipio celebra o Corpus Christi. Esta fin de semana a localidade prepárase para recibir a entre 10.000 e 15.000 visitantes entre hoxe e mañá atraídos por estes tapices.

Aínda que levan moitas semanas de preparativos, as actividades arrincarán esta tarde cando comeza a decoración dos deseños debuxados sobre máis dun quilómetro de rúas do municipio. A festa alóngase ata a madrugada, e os establecementos do municipio acompañan cun horario especial. As actividades continúan mañá cando se prevé o aluvión de visitantes. Pola tarde está prevista unha misa ás 17.00 horas na igrexa de San Xosé, seguida da tradicional procesión na que uns 45 nenos que realizaron este ano a primeira comuñón encárganse de desfacer os tapices. «Invito a todo o mundo a ver o laborioso esforzo que fai todo un colectivo que leva traballando meses e culmina no Corpus», destacou o rexedor.