O vandalismo recrúase no barrio naronés de Amenadás con desfeitas de mobiliario

Carla Elías Martínez
Carla Elías NARÓN

FERROL

josé pardo

Os veciños recollen firmas para que se vixíe a zona

14 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas últimas semanas o vandalismo hase recruado na contorna das vivendas sociais de Amenadás, en Freixeiro. Os veciños espertáronse onte con dúas novas desfeitas ao estar rotos os cristais da cabina de teléfono e a papeleira da rúa Ponche Pielas. Estas desfeitas súmanse a un regueiro de actos vandálicos - principalmente a rotura dos portais da zona- denunciados de forma reiterada pola comunidade de veciños. Os residentes na área apuntan como responsable a unha persoa que ten abertos máis de medio centenar de expedientes policiais. «O outro día de noite algúns veciños oíron ruídos, baixaron e viron que estaba a fartar coa chapa metálica de peche dun negocio que xa está abolada», comenta unha residente na zona. Tamén, apuntan, oíronlle ameazar con queimar a maleza dos arredores do campamento chabolista que se atopa situado nas inmediacións.

A situación agravouse tanto o mes pasado que, tras unha reunión entre os representantes veciñais e do Concello, conseguiron que se intensificase a vixilancia no barrio. «Algo máis de policía vese ao pasar», recoñece a presidenta da Asociación de Veciños de Freixeiro, Maribel Mouriz. Con todo, os cidadáns apuntan que, aínda que ao principio si que se notou o reforzo, aos poucos se ha ir deshinchando. «Os primeiros días tras falar co concelleiro de Seguridade notouse bastante que pasaba máis a miúdo a policía, pero despois xa foi diminuíndo», lamenta unha residente.

Procura de apoios

Os afectados están a recoller firmas para pedir que se mellore a seguridade da zona aumentando a vixilancia e, por outra banda, reclaman que se tomen medidas coa persoa en cuestión da que sospeitan.