Contidos dixitais, nosos de verdade?

David Serantes

EXTRAVOZ REDE

Pensamos que os contidos dixitais que xeramos cada día son da nosa propiedade, pero esquecemos que na maior parte das ocasións tan só temos dereito a utilizalos. Non son nosos, nin moito menos.

23 jul 2017 . Actualizado ás 04:00 h.

O famoso actor Bruce Willis loita desde hai anos contra o xigante Apple por unha cuestión que moitas persoas aínda non se expuxeron: poder ceder legalmente a súa biblioteca de cancións compradas na app iTunes ás súas fillas. Parece sinxelo a primeira ollada, pero o protagonista da saga da Xungla de Cristal está tendo moitos problemas para que a compaña da mazá modifique as súas condicións de uso. E son precisamente estes textos, ás veces con moita letra pequena e outras con moita pero non tan pequena, os que obviamos cando accedemos ás ducias de plataformas que utilizamos. Apple, Google, Microsoft, Facebook, Twitter, LinkedIn, non importa cal, sempre nos solicitan que aceptemos as súas condicións e sexamos francos, quen as le?. E, sobre todo, quen as entende?

A realidade é que a tendencia de almacenamento pasa por ter parte dos nosos arquivos dixitais nos nosos dispositivos e outra parte nos servidores das compañas que nos prestan os servizos aos que nos subscribimos. E se nalgún momento queremos recuperar toda esa información que imos almacenando en localizacións que son propiedade doutros? Ou algo aínda máis intrigante, que sucederá coas nosas fotos de Facebook, os correos electrónicos de Gmail ou os arquivos de Dropbox cando xa non esteamos aquí? Unha cuestión está clara: se non somos capaces de acreditar a posesión da conta de cada un deses servizos ninguén nos vai a pór as cousas doados. Non o sabemos aínda, pero nalgunha cláusula do contrato teremos doado a nosa información ao dono do servizo.

A solución perfecta pasa por dispor dunha copia de seguridade física dos nosos contidos dixitais máis relevantes arquivada nunha ou varias localizacións seguras. Tamén podemos contratar algún dos servizos que xa proliferan na Rede e que garanten que unha ou varias persoas que elixamos poderán ter acceso ás nosas contas se nós nos vemos incapacitados física ou intelectualmente. En poucos anos algúns termos como «testamento dixital» ou «herdanza 2.0» serán de uso habitual e entón moitos usuarios animaranse a contratar estes servizos de recuperación de información para que os seus herdeiros, amigos ou familiares sexan capaces de acceder aos seus arquivos dixitais e mantelos a recado.

Por agora, se pensamos en todos os lugares nos que almacenamos información e somos realmente conscientes do que asinamos cando cedemos o dereito de uso dos nosos datos, xa estaremos a facer moito máis do que fai a maioría. E se atrevémonos a trazar un sinxelo plan de recuperación da nosa información ante imprevistos, talvez poidamos REVISAR durmir tranquilos.