­O espazo non dá tregua

Carlos Pereiro

EXTRAVOZ REDE

Arkane Studios logrou sorprender con «Prey», a súa última obra. Un título que mestura o mellor de todos os xéneros que expón e presenta un ambicioso abano de posibilidades á hora de ser xogado.

25 jun 2017 . Actualizado ás 04:00 h.

Non abonda con ser xogado unha vez. Nin dous, nin sequera tres. Prey é un conglomerado vastísimo de decisións e camiños no que o protagonista debe sobrevivir á estación espacial na que se atopa. E é importa dicir “a e” non “en ,”porque a localización será un inimigo potencial en si mesmo, onde as queimaduras, a electrocución e outros perigos están á orde do día. Aínda por riba, tamén hai alieníxenas e non, non gardan ningunha simpatía pola vida humana.

Prey é en realidade un remake do videoxogo con mesmo título lanzado no 2006. Pouca semellanza hai con aquela aventura, algo que talvez desguste a unha parte dos usuarios; pero o que Arkane Studios creou é unha viaxe orixinal e inusual, que ofrece horas e horas de diversión (e suspense). É imposible falar deste título sen mencionar outros xogos lembrados e queridos na industria. Prey non renega de ningún e confésase como discípulo avantaxado. Un fillo directo do mapeado e o estilo suspensivo e terrorífico de BioShock, e o sistema de eleccións e poderes de Dishonored e Deux Ex.

Soa demasiado ambicioso? O é. Non hai que temer dicilo. O pecado do xogo distribuído por Bethesda é sin duda a gran complexidade que alberga. Non é doado, o seu control non está deseñado para todos e ás veces require de demasiada atención. É un hándicap, si; pero o resultado final fai que o xogador queira perdoalo. Poder afrontar unha misión de cinco xeitos diferentes, todas elas únicas e con resultados tamén cambiantes, é imposible non velo como unha gozada ao alcance de moi poucos títulos.

Doutra banda, o traballo narrativo de Arkane Studios é espectacular. A medida que pasan as horas e vólvense a percorrer corredores ou cuartos que uno xa visitou (algo coñecido como backtracking, reutilización das localizacións) comprobamos como todo ten sentido. Cada obxecto está por un motivo concreto, e cada personaxe ten algo que ofrecer. Nada está ao azar. Unha sensación impagable nunha aventura en primeira persoa.

Prey é un dos últimos lanzamentos immersive sim. O concepto non é novo, pero as últimas xeracións de consolas e PC potenciaron as súas posibilidades. O seu significado non é outro que o de inmersión total, que o xogador se senta parte da historia e responda con elementos reais. Como afrontamos o medo tras enfrontarnos a un alieníxena? Consumindo alcol ou descansando un intre. Esa situación ocorre, o xogador pode asumila. Iso é Prey: unha decisión tras outra, aderezada con tensos combates, xunto a unha historia coidada e adictiva.