Minisatélites «made in Galicia»

Raúl Romar García
R. Romar REDACCIÓN / LA VOZ

EXTRAVOZ REDE

Óscar Vázquez

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia deseñará e fabricará unha constelación de 25 unidades cuxos datos serán explotados por unha empresa que colabora no proxecto. ?

28 may 2019 . Actualizado ás 19:57 h.

O 13 de febreiro do 2012 foi un día histórico en Galicia. Foi, en certo xeito, a data que abriu a senda aeroespacial na comunidade co lanzamento do Xatcobeo, o primeiro satélite made in Galicia, deseñado e construído pola Universidade de Vigo. Foi, no seu momento, un reto tecnolóxico, unha misión cumprida que, lonxe de quedar en algo anecdótico, inaugurou o camiño a novos desenvolvementos que converteron a Vigo nun referente internacional no desenvolvemento e investigación de nanosatélites, unha vía xa madura e próxima a dar o salto á industria. A proba é o acordo asinado hai uns días entre o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae), xurdido a raíz do grupo universitario, a Axencia Galega de Innovación e a empresa catalá Aistech Space S.L., un convenio polo que se crea unha unidade mixta de investigación que se expón como obxectivo o desenvolvemento da tecnoloxía necesaria para o deseño e fabricación dunha constelación de satélites, integrada por 25 unidades, que serán explotados comercialmente para fornecer datos que permitan desde o control de incendios á agricultura de precisión ou o rescate de náufragos.

Socios tecnolóxicos

Galicia non só achegará a tecnoloxía, senón que a fabricación dos enxeños realizarase en Nigrán, onde a empresa catalá trasladará a súa sede. «Nós somos os socios tecnolóxicos, pero toda a fabricación tamén se realizará en Galicia», constata Fernando Augado, o coordinador dun proxecto no que se investirán para a súa posta en marcha ata o 2019 un total de 2,3 millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 30 %. «Pretendemos situar a Galicia na vangarda do sector e transformar a súa economía en economía do coñecemento», destaca Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación.

A iniciativa ten unha parte importante de investigación, xa que primeiro se desenvolverán dous satélites precursores, o primeiro dos cales se lanzará no 2019, cos que se quere pór toda a tecnoloxía a punto. Nesta parte perfeccionaranse os procesos de verificación das probas, de integración dos aparellos e de posta a punto, de tal forma que o resto das unidades da constelación poidan fabricarse en serie.

«O obxectivo final é que se poida automatizar todo o proceso para que logo se poidan construír en cadea dunha forma fiable, rápida e económica», apunta Fernando Augado, o creador do Xatcobeo e embarcado agora nunha nova aventura con capacidade para crear riqueza e traballo en Galicia a partir da tecnoloxía espacial. «O noso obxectivo -engade- é pór en marcha os satélites, pero da explotación comercial dos datos encargarase Aistech Space».

Fernando Augado: «Somos un referente mundial en pequenos satélites»

«Nós queriamos ofrecer desde Galicia soluciones tecnolóxicas a nivel mundial no campo dos pequenos satélites. E isto é algo que xa conseguimos, é unha realidade. Somos un referente, non só en España, senón tamén en Europa e no mundo, pero queremos tamén abarcar máis segmentos». Fernando Augado, o director técnico do proxecto, é consciente de que aínda lle queda un longo camiño por diante, pero coa experiencia adquirida considera que no futuro tamén poden dar o salto cara aos satélites de maior tamaño e a outros segmentos do sector aeroespacial que aínda non desenvolveron. As súas palabras están sustentadas polos feitos e por un traballo constante na última década que se viu referendado no 2012 co lanzamento do Xatcobeo. Desde entón, e baixo o impulso inicial da Universidade de Vigo, ao primeiro nanosatélite galego seguíronlle o Humsat e o Serpens, que se desenvolveron en colaboración con institucións doutros países. O próximo ano porán en órbita o seu cuarto enxeño, o Lume 1, un proxecto experimental dirixido a combater os incendios forestais dentro dun programa europeo que combina a tecnoloxía dos cubesat cos drones e no que tamén participan a Universidade do Porto e o CNRS francés. A día de hoxe, o 42 % dos satélites desenvolvidos en España e que foron lanzados ao espazo teñen a súa orixe en Vigo, unha porcentaxe que subirá ao 65 % entre o 2019 e o 2020 coa posta en órbita doutros catro.