Os móbiles do 2017

Entre a nostalxia e a revolución, así se presenta a nova fornada de smartphones saída do recente Mobile World Congress. Volven Nokia e BlackBerry, pero o futuro é de LG e Samsung coas súas pantallas de formato ultra panorámico.

.

Redacción / La Voz

Durante a feira que Barcelona volveu acoller un ano máis, o Samsung Galaxy S7 Edge foi recoñecido pola GSMA -a asociación de operadoras e industrias de telecomunicacións, organizadora do evento- como Mellor Smartphone 2016 na categoría de mellores equipos e dispositivos móbiles. Dentro de tres días a compañía coreana presentará o seu substituto e veremos si está en disposición de reeditar este título no congreso do 2018; de momento, a expectación é máxima, porque Samsung ten que mover ficha tras o fracaso do Note 7 e todo parece indicar que lanzará un móbil revolucionario.

A pantalla con formato alargado, superior ao tradicional 16:9, pode ser a gran novidade do sector da telefonía este ano, xunto á decisión de trasladar o botón de inicio á parte traseira. Todo para potenciar o enfoque do smartphone como ferramenta audiovisual, algo para o que en LG non dubidaron en levar a un oscarizado director de fotografía como Vittorio Storaro ao escenario da presentación do novo G6.

Non hai grandes avances na duración das baterías -que a maioría dos fabricantes limitaron en aras da seguridade, principal preocupación-, pero si nas cámaras: xeneralízase o dobre sensor traseiro e móbiles como o novo ZTE Blade V8 son capaces de tomar imaxes con bokeh ou desenfocado profesional. Curiosamente, todas as compañías obviaron un dos temas da feira, a realidade aumentada, que podería ser o gran argumento do seu gran rival: o próximo iPhone.

BlackBerry Keyone

A marca canadense, agora explotada pola firma chinesa TLC, insiste no teclado físico, aínda que a superficie que forman as teclas é tamén un touchpad que permite navegar pola pantalla. O lector de pegadas vai integrado na barra espaciadora.

Nokia 3310

Reedición do mítico «ladrillo» da compañía finlandesa cun deseño máis actual e unha pantalla de 2,4 polgadas (non é táctil, pero vese ben en exteriores). É un móbil 2G, así que nada de WhatsApp ou Facebook, pero o esencial mantense: unha batería que dura días. 

LG G6

Tras o fracaso do seu anterior móbil modular, a firma coreana innova cunha pantalla en formato 18:9 que se vai ata as 5,7 polgadas pero que está embutida nun teléfono equivalente a un 5 polgadas. O sensor de pegadas trasládase á parte posterior e ten dobre cámara traseira de 13 mpx.

Alcatel A5 LED

Outra marca en mans de TCL e que sorprendeu en Barcelona cunha proposta diferente: unha carcasa con 32 puntos led que se iluminan seguindo diferentes patróns para ofrecer notificacións. Pantalla de 5,2 polgadas HD, procesador de 8 núcleos e Android 6.0.

ZTE Blade V8

O seu cámara permite obter fotos con bokeh (a técnica de desenfoque de imaxes) e innovadores efectos 3D. A caixa na que vén o teléfono convértese nunhas lentes de realidade virtual. Conta cunha pantalla de 5,2 polgadas de resolución.

Sony Xperia XZ Premium

Acabado integral en cristal (traseira, frontal e marcos). Conta co chip Qualcomm Snapdragon 835 e a batería chega a 3230 mAh, con carga rápida 3.0. A cámara ten apertura f/2.0 e a pantalla de 5,5 polgadas con resolución 4K HDR é única na súa clase.

Moto G5 Plus

Primeiro Moto G con carcasa metálica, aínda que se esquece do conector USB tipo C. Márcaa propiedade da chinesa Lenovo ofrece unha pantalla de 5,2 polgadas, 32 GB de RAM, Android 7.0 (puro) e cámara traseira de 12 megapíxeles con apertura f/1.7. Especificaciones de gama media-alta.

Samsung Galaxy S8

O vindeiro mércores preséntase o móbil do ano (con permiso do iPhone de Apple), co que Samsung xógase todo o seu prestixio. Os renders filtrados, como o que acompaña a estas liñas, mostran un smartphone de pantalla moi alargada, sen botóns no frontal, e que podería ter dous tamaños, 5,8 e 6,2 polgadas. ¿Terá S Pen?

Votación
8 votos
Comentarios