Sen cables e xogando ás toas

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto REDACCIÓN / LA VOZ

EXTRAVOZ REDE

Os auriculares de «gaming» súmanse á tendencia inalámbrica. A firma Razer propón os MAN?War, uns cascos con son inmersivo 7.1 e sen latencia.

23 oct 2016 . Actualizado ás 05:25 h.

A compaña Razer, fundada no 2005 en California, converteuse en pouco máis dunha década en líder no desenvolvemento de produtos para gamers, desde periféricos como teclados e ratos a portátiles especializados para videoxogos. A súa última proposta son uns auriculares inalámbricos que ofrecen son inmersivo 7.1 e sen latencia (retardo temporal do sinal procedente do computador persoal ou a consola).

Os MAN'War son compatibles con PC -permiten interactuar con Cortana, o asistente dixital de Microsoft-, PlayStation 4 e Xbox One. Ofrecen un audio de alta fidelidade para xogos mediante tecnoloxía inalámbrica de 2,4 GHz, cun alcance de 12 + 2 metros. Para iso só hai que conectar un transceptor USB ultracompacto (cando non se usa pódese gardar na propia carcasa dos auriculares) ou utilizar a base de extensión incluída para ampliar a distancia a 14 metros.

As copas dos cascos contan con diafragmas de neodimio de 50 milímetros con función surround, que segundo Razer «fan que o campo de batalla cobre vida». A autonomía é de 7 días de xogo inalámbrico ou 14 horas ininterrompidas de uso cunha soa carga.

No auricular esquerdo hai un brazo de micrófono dixital retráctil que se pode axustar á posición desexada. Utiliza un algoritmo optimizado para captar un son máis natural e difundir unha voz máis clara. O micrófono tamén incorpora un indicador led de silencio para que o usuario saiba en todo momento cando está a transmitir. Os MAN'War dispoñen ademais dunhas rodas para subir e baixar o volume (permite axustar de forma independente os lados dereito e esquerdo) e dun botón de silencio.

Un detalle importante é o software Synapse, que unifica a configuración de todos os periféricos de Razer e permite cambiar a función dos botóns ou asignar macros. No caso dos MAN'War permiten unha calibración exhaustiva para obter a mellor experiencia de xogo.

Efectos Chroma

O deseño dos MAN'War combina plástico con partes metálicas (as bisagras que unen as copas á diadema) e coiro nas zonas que están en contacto con cabeza e orellas. Son cómodos, non apertan e inclúen os efectos de cor Chroma tipicos de Razer.