O iPhone 7 xa ten competencia

David Serantes

EXTRAVOZ REDE

MARIA PEDREDA

Cada vez é máis doado ter un bo móbil sen pagar un dineral. A competencia fixo que as principais marcas se poñan as pilas ante a chegada do agardado iPhone 7

25 sep 2016 . Actualizado ás 08:49 h.

Aínda non se coñece a data oficial en que Apple levará a cabo a presentación do seu seguinte modelo de iPhone e con todo os movementos da competencia xa nos fan pensar que a cousa está ao caer. Setembro é o mes no que se anunciaron os iPhone e este ano tampouco romperá a tradición. Coñeceremos un par de modelos de iPhone 7 como mínimo, xa que os rumores ata fai ben pouco sostiñan a existencia dun modelo Pro ademais dos iPhone 7 e iPhone 7 Plus.

 Os rivais do iPhone están a desexar poder medir as súas forzas contra o fabricante de Cupertino e aínda que algúns fabricantes como One Plus, Samsung ou ZTE xa puxeron sobre a mesa os seus xogadores máis potentes, outros como LG ou HTC están a agardar ao comezo do mes de setembro para descubrir os seus novos modelos.

Os terminais desta nova fornada están a apostar pola forza bruta, coa incorporación de memoria RAM que acada ata os 6 GB nos terminais máis ambiciosos e tamén por mellorar as capacidades dos seus procesadores. Non esquecen o deseño e as características especiais que aproveitan os novos materiais. Agora o normal é que sexan resistentes ao po e a sucidade, que soporten as caídas accidentais en auga, e de auga sobre eles, sen problemas e as pantallas e cámaras dianteiras e traseiras ofrecen a mellor imaxe que se pode ter nun dispositivo móbil e que rivaliza xa con algunhas cámaras para fotógrafos avanzados.

O sistema operativo dominante en canto aos rivais deste nova serie de iPhones é por suposto Android, aquí non atopamos ningún outro rival potente que lle faga sombra ao iOS de Apple. Microsoft segue facendo esforzos para que os seus dispositivos Lumia teñan un espazo na repartición do mercado móbil, pero a realidade é crúa e os desenvolvedores de apps non apostaron por este sistema operativo como se desexou e así non atopamos un terceiro en discordia. Tampouco Blackberry, que aínda dá algunha rabexada con nostalxia do seu liderado en torno a seguridade dos seus dispositivos, parece que teña un futuro nada claro e así o demostra o fracaso do seu último terminal, o Priv.

Apple enfróntase a un número case ilimitado de rivais que se pelexan por copar todos os segmentos das diferentes gamas (baixa, media, alta e premium) cunha estratexia simplista e efectiva de ofrecer moi poucas opcións de terminais pero claramente diferenciados.

Os usuarios somos os grandes beneficiarios destas loitas entre fabricantes xa que as novidades que van incorporando ás gamas máis potentes acaban por ter impacto no resto de dispositivos a medio prazo. Aproveitemos o momento.

Os RIVAIS

Note 7 de Samsung

Samsung redondeou a súa serie 7 co que faltaba, o Note. Toda unha declaración de guerra ao iPhone, con salto do Note 5 ao Note 7 incluído. É un S7 Edge con características engadidas como o recoñecemento de iris, melloras no punteiro S-Pen ou máis capacidade interna.

One Plus 3

En One Plus viraron o rumbo. Decidiron esquecer o sistema de invitacións, mellorar os materiais, optar por unha pantalla AMOLED e incorporar a carga rápida ao seu tope de gama e conseguiron un terminal cunha excelente relación calidade?prezo no mercado actual.

LG V20

LG aposta polos terminais modulares e o V20 seguirá a tendencia do G5. Presumirá de ser o primeiro en incorporar Android Nougat no seu interior e en integrar un convertidor de son de alta fidelidade Quad DAC de 32 bits. Unha xoia agardada para principios de setembro.

HTC10 mini

Os rumores indican que HTC non tira a toalla e se ten que facer unha versión non tan grande do seu mellor dispositivo, farao. O mini agárdase nas mesmas datas que o iPhone 7, cunha pantalla de 4,7” e un procesador mesmo máis potente que o do seu irmán maior o HTC 10.

ZTE Axon

O Axon 7 é potente. Incorpora 6 GB de memoria RAM e 128 GB de almacenamento máis unha batería de que nos dá case un par de días de uso. Fai bo o lema de ZTE de que sempre escoitaron aos usuarios. O deseño, a súa batería e o seu cámara son do mellor do panorama actual.