Infinitas fronteiras espaciais

EXTRAVOZ REDE

INTERNET

A principios de agosto, tras varios anos de desenvolvemento, foi publicado o xogo máis agardado do verán, «Non Man?s Sky», un título que ofrece a posibilidade de explorar un enorme universo xerado aleatoriamente (non hai dous iguais) e gozar dunha espectacular aventura espacial na que hai innumerables retos e desafíos e unha misión moi especial: conseguir acadar o centro da galaxia

28 ago 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

E l verán nunca foi a mellor estación para os videoxogos. Os grandes lanzamentos, eses que poñen os dentes longos aos xogadores, adoitan ser publicados noutras épocas do ano. Pero algo está a cambiar na primeira industria cultural (por importancia económica) do mundo. E este mes de agosto viu a luz uno dos títulos máis agardados dos últimos tempos, o espectacular Non man's sky (www.non-mans-sky.com).

 Millóns de persoas agardaron durante moito tempo a chegada ás tendas dixitais e físicas desta descomunal epopea espacial desenvolvida para PC e Playstation 4. Os seus creadores habíanlles feito grandes promesas. Ían poder explorar, como os tripulantes da lendaria nave Enterprise de Star Trek, as infinitas fronteiras dun universo inmenso e descoñecido, xerado de forma aleatoria, no que suceden moitas cousas. E no que cada xogador se vai a atopar unha aventura diferente e un mesmo reto: a supervivencia.

 Non man's Sky contén millóns de planetas. E unha chea de desafíos diferentes: descubrir novos mundos, darlles nome , bautizar fauna e florar alieníxena, buscar recursos, reparar e mellorar as naves, loitar contra crueis inimigos, escapar de intrépidos cazarrecompensas, exterminar piratas, investigar naves estreladas, ruínas de antigas civilizacións... Os primeiros momentos son humillantes. Pero despois pode imporse certa desilusión. O xogo permite facer de todo. Pero os seus mecanismos son algo básicos. E quizais repetitivos. Máis aló da liberdade absoluta para moverse por onde o xogador queira, hai un gran obxectivo, chegar ao centro da galaxia. É un reto formidable, que pode esgotar a paciencia de moitos usuarios. Pola súa mecánica e polo estado no que saíu ao mercado.

O lanzamento de Non man's sky foi un acontecemento de alcance mundial. Desatou unha febre que xa remitiu. E recibiu malas notas da crítica especializada. Na principal plataforma de videoxogos para PC do mundo, Steam, derrubáronse as cifras de xogadores. Perderon á maior parte do seu público. E a razón principal hai que buscala nos problemas técnicos que acompañaron á moi inestable versión para computador publicada a principios de agosto.

O creador do videoxogo, Sexan Murray, apresurouse a saír ao paso destes datos e garantiu que Non man's sky vai recibir constantes actualizacións que mellorarán a estabilidade, que incorporarán novas funcións e que deberían facer que o corazón do xogo, o descubrimento de planetas, sexa máis atractivo. Quizais entón o xogo poida intentar acadar o nivel que agardaban os usuarios. E converterse nun gran título, capaz de permitir aos xogadores «explorar mundos descoñecidos e acadar lugares onde ninguén puido chegar».