Hai música en liña máis aló de Spotify

EXTRAVOZ REDE

Asumido xa pola maioría que o presente se atopa no streaming, múltiples compañas pelexan por facerse oco. A firma sueca da icona verde continúa arrasando en número de usuarios. Pero existen outras alternativas pendentes de dar a poutada nun negocio que o ten claro: pagamento mensual para gozar con alta calidade dun catálogo de cancións infinito.

26 jul 2016 . Actualizado ás 13:47 h.

Ás veces a capacidade de predicir os acontecementos asombra. Así falaba Todd Rundgren do futuro da música en 1999: «Ao final, a distribución da música será como a televisión por cable, porque a xente quere escoitar música e os seus ingresos só lles permiten acceder a unha pequena porción da que se fai no mundo. Imaxina que só podes comprar un cedé ao mes. Por ese mesmo prezo en EE.UU. tes acceso a televisión por cable e podes escoller unha gran variedade de canles. Por que non podería facerse o mesma coa música? Pagas unha mensualidade, escoitas toda a música que queres e os músicos reciben unha compensación». As palabras que, no seu día, podían chocar aventuraban algo moi parecido ao que hoxe é a escoita de música en liña e, concretamente, Spotify.

Trátase da última gran revolución da industria. A gran biblioteca sonora universal, dispoñible de xeito gratuíto con calidade reducida e anuncios cada catro temas. E, previo pagamento, con mellor son e ausencia deses molestos anuncios. A pesar de que a repartición de diñeiro cuéstionase de continuo e xerou máis dun desencontro, chega un momento no que se o artista non está en Spotify non existe. Só Adele, Taylor Swift ou estrelas pop similares pódense permitir botarlle o pulso, rexeitándoo. Pero se o que desexa o músico é que o escoiten, negarse a formar parte do seu directorio supón reducir drasticamente o seu radio de acción.

Pero hai vida máis aló de Spotify. A plataforma, con 75 millóns de usuarios activos estimados, raíña. Pero existen moitas outras alternativas. Con cada crebo que deu a empresa (limitar a un tempo determinado a escoita gratuíta, por exemplo) sacaron as uñas alternativas de prestacións similares buscando o seu sitio. Algunhas caeron. Outras buscan a súa oportunidade. Mentres, Spotify, medorenta, optou por unha política de redución de prezos. Apuntarse ao seu plan familiar, que posibilita que cun único pagamento varios membros da familia poidan gozar do servizo, foi un dos movementos dos últimos tempos.

A que teme Spotify? Pois principalmente a Apple Music. A empresa da mazá, que monopolizou mediante iTunes o paso anterior do modo de escoitar a música coa descarga de mp3, moveu ficha no 2015 para entrar nese mercado. É de pagamento e manexa un catálogo similar en número a Spotify. Pero conta co gran empurre da marca e a súa doado integración en toda a gama de iPhone, iPad, iMac e similares. Para moitos se trata dunha auténtica relixión-colección.

Tamén parte coa vantaxe da familiaridade Google Play Music, que permite un uso gratuíto durante 30 días para pasar factura logo. Leva en activo desde 2011 e sempre se atopa aí, intentando despuntar pero sen logralo do todo. E ollo, porque outro xigante, Amazon, xa anunciou que lanzará nos próximos meses a súa aplicación de pagamento para escoitar música en streaming.

A opción Deezer

Sin duda, Deezer preséntase como o mellor Spotify killer (asasino de Spotify) do momento. A plataforma francesa posúe un inmenso catálogo de 40 millóns de cancións, múltiples opcións de escoita con playlists ou radios por xénero e, sobre todo, manéxase con gran facilidade. O seu deseño resulta atractivo e conta cun extra moral: resultar máis simpática á industria en xeral que Spotify a quen lle teñen pensado afrontas de artistas consagrados e queixas nos estados máis baixos da industria. No ambiente flota a idea de que non retribúen convenientemente aos músicos, xerando controversia.

Existen outros modelos de escoita musical por Internet. Parten de necesidades diferentes ás que cobre Spotify. É o caso de Soundcloud, moi usado polos artistas de perfil máis underground para que a súa música se difunda pola Rede, pero sen perder o control sobre ela. Aquí o usuario poderá, sobre todo, descubrir novas propostas minoritarias como no seu día fixo con Myspace. Respecto de modelos como os anteriores, leste ten o problema de só funcionar on-line. Tamén o de reducirse a unha porción moito máis pequena da música. Por contra, debe sinalarse que actualmente existe moita música no mundo que só se pode escoitar por esa vía.

Tanto ou máis popular que Soundcloud para a difusión de música de artistas pequenos resulta Bandcamp. Combina dúas facetas: a de ser un soporte para a escoita de música por Internet de xeito libre e a de ser unha tenda de discos e cancións en formato dixital onde o propio artista decide o prezo ou a gratuidade. O certo é que, na actualidade, percíbese como unha das solucións máis atractivas para os grupos pequenos. Poden colgar o seu disco, con carátula, letras e toda a información que desexen, xunto aos temas secuenciados e unha opción de venda. Nos últimos anos foi a catapulta dunha fórmula moi en boga: o artista só edita o seu traballo físico en vinilo, mentres que permite o acceso libre en formato dixital a través de Bandcamp.

Emisoras de radio

Tamén existe unha opción diferente para quen queiran coarse en Internet, buscando unha viaxe musical non por artistas, senón por xéneros. Nese sentido, Jango preséntase como unha das máis atractivas. Non funciona off-line, pero conectado serve para introducir a un artista e, de súpeto, créase unha lista automática de música similar. Todo iso, coa opción de pasearse polas diferentes estacións de radio especializadas por xéneros.

Xa, para rematar cabe sinalar outra opción especial pero que non se pode obviar: Rockolafm. Toda unha curiosidade. O seu menú de opcións apela aos estados de ánimo. Así un pode atopar banda sonora aos seus momentos de optimismo, melancolía, enerxía, bajón ou romanticismo. Estes parámetros pódense cruzar ademais con outros temporais (podes elixir música dos cincuenta, dos sesenta, dos oitenta, etcétera) e de tipo de ritmo da canción (lento, medio ou rápido), constituíndo toda unha rareza á que acudir de cando en vez.