Fran Gómez Pallas, piloto: «O Dakar é como un amor maldito»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira REDACCIÓN / LA VOZ

MOTOR ON

Ana Garcia

Naceu en 1969 en Caracas, pero é de Carballo. Campión galego de motocrós en tres ocasiones, a súa verdadeira debilidade é a proba fundada por Thierry Sabine en 1978. Acudiu en seis ocasiones e completouna con éxito en tres: 2000, 2006 e 2009. Agora pretende tomar a saída en Lima (Perú) o próximo 6 de xaneiro.

11 jun 2017 . Actualizado ás 19:50 h.

A súa paixón polo Dakar roza o divino. Non escatima esforzos para lograr o seu obxectivo. Francisco José Gómez Pallas (Caracas, 1969) reside en Carballo e é un apaixonado das motos. Campión galego de motocrós en tres ocasiones, participou en seis Dakar: 2000, 2003, 2005, 2006, 2007 e 2009, e concluíu con éxito tres das citas ás que acudiu: 2000, 2006 e 2009. Só os inoportunos fallos mecánicos impedíronlle facer pleno. Agora, oito anos despois da súa última proeza, o deportista bergantiñán quere regresar a esta proba lendaria. Se nada se torce Fran Gómez Pallas tomará a saída, formando parte do equipo Indupanel Dakar Team (único equipo galego na categoría de motos), o 6 de xaneiro, na capital peruana de Lima. O carballés agarda completar os 10.000 quilómetros do trazado, repartidos en varias etapas, o 20 de xaneiro en Córdoba (Arxentina). Fran Gómez pilotará nesta ocasión unha Honda CRF 450 X de 65 cabalos de potencia, que desenvolve unha velocidade punta de 190 quilómetros por hora.

-Levaba demasiados anos de espera.

-A verdade é que si. A crise económica fixo moito dano ao deporte, sobre todo nestas disciplinas que requiren dunha esponsorización importante. Participar nunha proba como o Dakar supón un investimento mínimo de 15.000 euros que custa a inscrición. Esa contía está xa satisfeita. Agora queda o resto.

-De canto estamos a falar?

-Se vou só, un mínimo de 60.000 euros. Se o fago acompañado dun mecánico de apoio, falamos xa duns 80.000 euros. Para poder participar tiven mesmo que pedir un crédito a un banco. É unha proba que supón un gran desembolso, pero merece a pena 

-Séntese preparado para semellante reto?

-Si. A nivel físico sempre me coidei. Durante a semana saio a correr, fago bicicleta e natación, e as fins de semana adestro coa moto durante cinco ou seis horas. Veño de rematar o rali de Merzouga, en Marrocos [proba de clasificación para o Dakar 2018], con temperaturas que durante o día acadaron os 50 graos no deserto. E leveino relativamente ben.

-Pero o Dakar non só é cuestión de físico, tamén o é de mentalización.

-É moi importante ter a capacidade suficiente para tomar a decisión correcta no momento oportuno. Falamos de etapas tremendamente longas e moi complicadas pola orografía. Pásasche amais da moto 12, 13 ou 14 horas seguidas e o apoio na estrada é mínimo.

-Hai equipos que levan todo tipo de apoio, desde mecánico ata fisioterapeuta.

-Se lle digo a verdade, eu confórmome só con ter un mecánico. Se non levas, despois de acabar unha etapa tes que arranxar a moto e póla a punto para a seguinte xornada e debes revisar ben o libro de ruta, o que nós chamamos o Road Book. Logo ceas e descansas un par de horas antes de volver subir á moto. Por iso é tan importante levar da túa man un mecánico, permíteche descansar máis e preparar mellor a seguinte etapa.

-Canto custa levar un mecánico de apoio?

-Ao redor dos 18.000 euros máis ou menos.

-Como afronta este sétimo Dakar?

-Coa mesma ilusión que a primeira vez e co obxectivo de rematar como sexa. O Dakar o é todo para min. É un reto tanto a nivel deportivo, como físico e mental. Sempre digo que é como un amor maldito, canto máis che fai sufrir máis o desexas.

-O seu mellor resultado?

-Nunha etapa acabei no posto dezanove.

-Que queda daquel Fran Gómez Pallas que acudiu á súa primeira proba no ano 2000?

-A ilusión e as ganas de facelo ben. Pero aquela primeira participación marcoume moito. Cando cheguei non sabía o que era un GPS ou un libro de ruta. Ía á aventura. Como inexperto que era, saía detrás dos que, en teoría, eran máis veteranos. Por onde ían eles eu seguíaos, e claro, se eles se equivocaban de ruta detrás ía eu. Pero aínda así, se non fóra polos fallos mecánicos completase o pleno.

-O seu momento máis complicado?

-Foi precisamente naquel ano 2000. Era a miña primeira participación. No transcurso dunha etapa caínme da moto e rompín un nocello. Os médicos da organización recomendáronme que abandonase. Eu negueime en redondo. Non podía rematar así despois do que me custou chegar ata alí. Fixei ben os nocellos e púxenme as botas. Non mas volvín a quitar ata que cheguei á liña de meta. Foron, se non recordo mal, 8 días nos que non me quitei para nada o calzado, pero mereceu a pena. Por iso sempre digo que unha proba tan esixente e tan dura como esta non se trata de estar ben fisicamente, tamén hai que estalo mentalmente.

-Merece a pena tanto sacrificio por participar no Dakar?

-Si. Non hai nada tan especial.