As drogas, ao volante nin probalas

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN / LA VOZ

MOTOR ON

ÓSCAR CELA

O número de condutores con drogas no organismo vai en aumento. Por iso Tráfico quere facer tantas probas de drogas como de alcol. Dar positivo nalgunha droga está castigado con 1.000 euros de multa e a retirada de 6 puntos.

14 may 2017 . Actualizado ás 11:22 h.

A moza condutora que levou por diante a un grupo de ciclistas e matou a tres nunha estrada de Levante deu positivo en alcol e en drogas despois da brutal colisión. En Galicia, esta mesma semana un camioneiro que procedía de Alacante foi interceptado cando se dirixía a cargar na Pobra do Caramiñal. Os axentes descubriron que consumira drogas e foi denunciado por unha infracción que está castigada con 1.000 euros de multa e coa retirada de 6 puntos do carné. Pero hai moitos máis casos. Van en aumento. En só unha semana de controis especiais rexistráronse máis de 500 positivos en España, 79 delas nas estradas galegas (39 na provincia de Pontevedra, 19 na da Coruña, 16 na de Ourense e 6 na de Lugo).

Así se fai un control

Os controis de drogas, que son obrigatorios, son agora moi selectivos. Polo xeral faise despois de que o alcol dese negativo e os axentes sospeiten de que o condutor puido consumir algún tipo de sustancia prohibida. Entón recóllese unha mostra de saliva do condutor cunha especie de chupete. Se o resultado desta mostra indiciaria é positivo nalgunha droga, o axente terá que recoller unha segunda mostra que será enviada a un laboratorio para a confirmación do positivo. Desde ese momento, o condutor non poderá pórse ao volante e o coche quedará inmobilizado.

Máis cannabis e cocaína

O resultado dos controis policiais indica que o cannabis e a cocaína seguen sendo as drogas máis consumidas polos condutores que dan positivo. En terceiro lugar aparecen as anfetaminas. Os estudos que manexa a Dirección Xeral de Tráfico sinalan que as drogas causan nos condutores varios efectos que son prexudiciais ao volante, como unha maior relaxación e unha diminución da concentración, á vez que ven alteradas as percepcións e limitada a mobilidade.

Castígase a mera presenza

Eses graves efectos levaron ao lexislador a endurecer o consumo de drogas en condutores. Ao contrario que no alcol, neste caso non hai niveis e castígase a mera presenza de drogas no organismo con multa e perda de puntos. Se ademais de dar positivo o condutor presenta signos de estar baixo a influencia das drogas a infracción convértese en delito, penado con entre 3 e 6 meses de cárcere ou multa ou traballos en beneficio da comunidade. En todo caso, o condutor condenado perderá o carné entre un e catro anos.

Máis controis

Chegar a facer os mesmos controis de drogas que de alcol é o obxectivo que se marcaron os responsables da Dirección Xeral de Tráfico para aumentar a presión sobre os condutores que conducen drogados. Non será doado porque neste momento non hai dispositivos preparados para poder realizar o test de confirmación na estrada, como se fai co alcol.