O BMW 507 de Elvis

Óscar Ramos Ayerra
Óscar Ayerra REDACCIÓN / LA VOZ

MOTOR ON

O rei do rock comprouno de segunda man en 1958 cando tivo que facer o servizo militar en Alemaña. A súa cor orixinal era branco pero pintouno de vermello carmín, farto de que as mozas escribisen nel frases e mensaxes de amor con lapis de beizos.

14 may 2017 . Actualizado ás 05:50 h.

Unha rareza tan especial e cotizada como un BMW 507 non pasa desapercibida, pero se amais un dos seus propietarios foi Elvis Presley convértese nunha estrela que brilla por si soa. Con todo, este exemplar deambulou durante case 50 anos cun pasado descoñecido.

En 1968, un enxeñeiro aeroespacial e coleccionista de coches, Jack Castor, cómprao en Arizona e trasládao á súa casa preto de San Francisco sen coñecer o seu historial. Utilizouno 5 ou 6 anos ata que o aparcou no seu garaxe en espera dunha restauración que nunca chegaría. Con todo, o que si fixo foi investigar o seu pasado e aos poucos foi descubrindo que non era un 507 calquera. Tras varios anos de indagacións e recompilación de información, logra confirmar no 2014, coa axuda dunha prestixiosa revista de clásicos da marca bávara e por suposto cos arquivos do grupo BMW Classic, que o chasis número 70079 correspondía ao coche que comprou Elvis a un concesionario da cidade de Frankfurt o 20 de decembro de 1958.

Por suposto, as ofertas de BMW non se fixeron agardar a pesar de que o estado era lamentable: o seu anterior dono mutiloulle parte do seu chasis para facerlle sitio a outro motor e caixa de cambios, o interior fora cambiado, do mesmo xeito que o cadro de instrumentos, e o óxido campaba ás súas anchas debaixo dunha pintura moi cuarteada. Finalmente o coche regresaba no 2014 a Alemaña, onde lle agardaba un longo proceso de restauración. Dous anos de exquisita recuperación dun quebracabezas de 5.000 pezas nas que cada elemento era restaurado minuciosamente ou recreado en 3D desde os planos orixinais. Construíuse un motor novo a partir de pezas orixinais existentes, xa que o auténtico se descoñece o seu paradoiro. O nivel era tan alto que mesmo para a pintura branca orixinal seguíronse os procesos e calidades realizados nos anos 50, xa que hoxe en día brillaría demasiado, a diferenza de como o faría naquela época. O ano pasado renacía outra vez como o día en que saíu por primeira vez de fábrica. Hoxe en día o seu valor é moi alto, tendo en conta que un 507 normalito pode superar o millón de dólares.

En 1997, unha famosa casa de poxas vende un BMW 507 por 350.000 dólares dicindo que era o de Elvis, pero nada máis lonxe da realidade, o chasis con número 70145 non correspondía ao de Elvis, xa que saíu de fábrica en cor gris pedra en outubro de 1958.

Coche de probas

O 507 de Elvis saíu de fábrica o 13 de setembro de 1957 e foi asignado a un famoso piloto dos anos 30. Era o encargado da marca de ensinar a potenciais clientes as marabillas deste deportivo. Mesmo foi inscrito en varias probas de velocidade, ademais de servir como test para a prensa. Tamén foi utilizado en 1958 pola Bavaria Filme Studios para unha comedia musical chamada Hula-Hopp Conny, película onde aparece coa súa primeira matrícula M-JX 800. Foi reparado en varias ocasións e cambióuselle a caixa de cambios antes de venderllo a Elvis, xa que a estrela do rock non quería agardar por un novo e ese era o único dispoñible.