Un americano en Turín

Unha longa lista de automóbiles italianos, incluíndo magníficos modelos de Ferrari, levan a firma dun arquitecto de orixe holandesa nada en Detroit, que durante 50 anos mantívose na elite dos grandes deseñadores.

.

Recordar a Elvis Presley pegándolle tres tiros ao seu De Tomaso Pantera no garaxe de Graceland un dos días en que se resistía a arrincar non deixa en bo lugar a un modelo que é con todo un magnífico representante dos superdeportivos dos anos 70, coa particularidade de ser produto dunha pouco usual colaboración entre un gran fabricante americano e un pequeno construtor italiano de automóbiles deportivos e de competición.

Ford, que buscando un deportivo co que competir cos modelos dos seus rivais xa intentara sen éxito adquirir Ferrari, establecía en 1969 unha alianza con Alejandro De Tomaso para financiar o proxecto do novo modelo, fornecer os motores V8 que o equiparían e asumir a súa distribución en Estados Unidos. Pola súa banda De Tomaso, que xa tiña a experiencia de ter utilizado motores Ford nos seus anteriores deportivos, o Vallelunga e o Mangusta, contaba cun equipo técnico excepcional para este proxecto: Nello Ugoloni, que dirixira os equipos de competición de Ferrari e Maserati, e os enxeñeiros Molinari, Bellentani e, especialmente, Gianpaolo Dallara, todos eles con experiencia anterior en Ferrari, Maserati ou Lamborghini. Como resultado desta alianza fabricaríase en Módena o Pantera, un deportivo de motor central presentado no Salón do Automóbil de Nova York en marzo de 1970. O Pantera manteríase en produción durante máis de 20 anos nas súas distintas versións, incluíndo o Pantera II ou Pantera 200 de 1991 que se comercializaría ata 1995, e aínda no 2001 produciríase un frustrado intento de lanzar unha versión renovada. Faría ademais incursións nos circuítos, aínda que con resultados discretos, entre os que sobresaen as vitorias en Imola e Hockenheim no Campionato Europeo de Gran Turismo de 1973.

O exterior do Pantera encomendouse a Carrozzería Ghia, presidida entón por Alejandro De Tomaso e que no mesmo ano 1970 sería adquirida por Ford. A rechamante carrocería foi proxectada polo seu director de deseño, Tom Tjaarda: extremadamente baixa, cunha altura total de 1,10 metros, un morro longo e cuneiforme que aloxaba a roda de recambio e no que se ocultaban os faros escamoteables, entradas de aire laterais, e unha zaga en punta, cunhas liñas trapezoidales que lle outorgaban unha aerodinámica moi favorable e unha axustada combinación de agresividade e elegancia.

Tom Tjaarda, nacido en Detroit en 1934 como Stevens Thompson Tjaarda Van Starkenberg, fillo do tamén deseñador de automóbiles de orixe holandesa John Tjaarda, representa un caso pouco frecuente entre os grandes deseñadores de superdeportivos da súa época, maioritariamente italianos. Cursara estudos de arquitectura na Universidade de Michigan graduándose en 1958, e aquel mesmo ano, grazas á recomendación dun profesor, trasladaríase a Turín para traballar ás ordes de Luigi Segre en Carrozzeria Ghia. Asentado definitivamente en Italia, e tras deixar Ghia, incorporaríase a Pininfarina en 1961, colaboraría con Giorgetto Giugiaro e volvería a Ghia xa como director de deseño en 1968. En 1977 incorporaríase a Fiat para ocupar o cargo de director de Deseño Avanzado ata 1980, data en comezouna a traballar para Rayton Fissore. Finalmente en 1984 establecería a súa propia empresa en Turín, inicialmente como Dimensione Design e posteriormente como Tjaarda Design, desde a que colaborou con fabricantes como Chrysler, Aston Martin ou Bugatti, entre moitos outros.

A súa longa traxectoria profesional fai que a relación de modelos deseñados por Tjaarda sexa tan abundante en cantidade como en calidade, incluíndo todo tipo de automóbiles, desde utilitarios tan populares como o Ford Festa, deseñado por Tjaarda para Ghia en 1972 baixos o nome de Projet Wolf, o Lancia E10 (1978) ou o restyling do Fiat Ritmo como Seat Ronda (1981); ata todoterreos como o Rayton-Fissore Magnum (1985). Pola súa vistosidade e elegancia os seus deseños máis admirados, e os que máis influíron en automóbiles posteriores, son con todo deportivos e convertibles, entre os que destacan a súa proposta do Corvette Rondine de 1963, o Ferrari 330 GT 2+2 do mesmo ano, o Ferrari 365 GT California Spyder de 1966, ou o popular Fiat 124 Spider, tamén de 1966.

Votacin
5 votos
Comentarios