Nova tracción Quattro eficiente

MOTOR ON

A segunda xeración do Audi Q5 aumenta en tamaño, con menos peso, e ten unha tracción Quattro ultra que aforra combustible. Este novo Q5 trata de reeditar o éxito deste modelo, que desde a súa saída no 2008 vendeu 1,6 millóns de vehículos e que, a pesar de Trump, fabrícase en México.

19 mares 2017 . Actualizado ás 05:20 h.

En Audi apostan claramente polos SUV, non en balde foron os creadores do segmento de luxo co Q7 e despois reeditaron o seu éxito con este Q5 que agora chega nunha segunda xeración. A marca estima que no 2020 o 40% dos coches que se vendan en Europa será deste tipo.

Este novo Q5 crece 3,4 centímetros de longo respecto do seu antecesor, acadando os 4,66 metros. O espazo interior gañou tamén moitos centímetros e o maleteiro ten capacidade para 550 litros.

En principio chega ao mercado cun motor 2.0 TFSi de gasolina con 250 cabalos, mentres que a oferta diésel será máis ampla, con motores 2.0 TDi de 150, 163 e 190 cabalos.

Máis adiante as motorizacións completaranse cos máis potentes SQ5 V6 e con outro V6 TDi de 286 cabalos. Os acabados serán básico, Advanced, Design e S Line e o prezo de partida será de 40.550 euros para a versión TDi de 150 cabalos con cambio manual e tracción dianteira.

O novo Q5 caracterízase por unhas liñas máis dinámicas, cunha grella Singleframe cun aparente marco cromado, faros LED ou Matrix LED a elixir e unha liña de cintura curvada con prominentes pasos de roda. A aerodinámica foi mellorada ata converterse en referente na categoría, ademais de que o coche é 90 quilos máis lixeiro que a anterior xeración. Estes datos xa melloran de seu os consumos, pero ademais a nova tracción Quattro Ultra incorpora unha novidade ao realizar un control selectivo do par de cada roda co que é capaz de aforrar 0,8 litros aos 100 quilómetros de combustible nos motores de catro cilindros. Esta tracción é capaz de desconectar tamén o tren traseiro cando non se necesita a integral e realizar ademais a chamada navegación por inercia, que minimiza o consumo.

Outra das novidades é a nova suspensión de cinco brazos, dianteira e traseira, que ademais pode ser pneumática, co que se amplía a gama de confort e seguridade. As caixas de cambios poden ser S-Tronic de sete velocidades ou Tiptronic de oito no caso do 3.0 TDi.

A nivel interior, o Q5 dispón xa do Audi Virtual Copckit e novo sistema MMi para navegación con posibilidade de conexión a Internet por medio dun cartón eSim con tarifa plana.

O novo Q5 mellorou moito en prestacións e comportamento, así como en consumos, e será de novo referencia no seu segmento.