O Mini dá un estirón de 20 centímetros

MOTOR ON

O Countryman é a versión grande do popular Mini, que apareceu no 2010 no mercado e conquistou a máis de medio millón de clientes en todo o mundo. Agora chega esta segunda xeración, que comparte plataforma co BMW X1.

19 mares 2017 . Actualizado ás 09:32 h.

As sinerxías do grupo fan que Mini se beneficie neste caso dunha plataforma máis grande, a do BMW X1, e por iso o seu tamaño aumenta en vinte centímetros de lonxitude e 3 de ancho, gañando ademais un 28% de espazo de maleteiro, que chega agora ata os 450 litros.

No seu deseño exterior destacan as novas formas dos faros, agora cadrados, que desvirtúan un pouco a identidade visual típica de Mini cos seus faros redondos de sempre. Na parte traseira o portón gaña operatividade ao dispor de peche eléctrico no mesmo.

No interior do novo Countryman gáñanse cinco centímetros de habitabilidade ao ancho e cambiáronse algunhas cousas como o deseño do volante multifunción ou os aireadores. Agora incorpórase tamén ao seu equipamento unha pantalla táctil, cámara de visión traseira, aviso de peóns, recoñecemento de sinais de tráfico, proxección de datos no parabrisas e asistente automático de luces longas.

Motores e cambios

No referente a mecánicas, a gama de segue conformando con tres motores de gasolina e dous diésel, ademais dun híbrido enchufable. En gasolina hai unha versión básica Cooper de 136 cabalos, unha Cooper S de 192 e unha John Cooper Works de 231. Teñen posibilidade de elixirse con tracción ALL4, excepto a Works, na que xa é de serie. En diésel a básica Cooper é de 150 cabalos, mentres a Cooper SD desenvolve 190. A versión híbrida ofrece 224 cabalos de potencia. O Mini Countryman tamén ofrece a posibilidade de montar unha transmisión automática Steptronic de oito velocidades.

Os prezos partirán dos 27.800 euros, para o Cooper, mentres a gama diésel (Cooper D) comeza en 30.000. Por arriba, os Countryman máis potentes custan 38.700 euros na versión John Cooper Works e 37.600 o SD All4 e o híbrido.

Este Countryman gaña moito en habitabilidade, cos 4,30 metros de tamaño que acada agora. Non en balde é o Mini máis grande da historia, Pódese dicir tamén que é o máis familiar da gama, aínda que as súas sensacións ao volante mantéñanse.