Moi bo no seu

MOTOR ON

No último ano os Sport Utility Vehicles (SUV) están a facerse co mercado, no que os familiares gañan algo do terreo perdido e os monovolumes quedan atrás. É unha tendencia lóxica ou un simple cambio de moda. Analizamos tres coches destas gamas e empezamos co Peugeot 308 SW.

09 oct 2016 . Actualizado ás 21:24 h.

O Peugeot 308 SW GT Line está na ruta dos novos familiares: coches amplos pero con moitos detalles deportivos, un paso máis aló con respecto a aqueles automóbiles grandotes que moitas veces eran unha simple prolongación, con portón traseiro e un maleteiro de amplas dimensións, da súa correspondente berlina.

O Seat Ateca é, agora mesmo, a gran novidade dentro do segmento SUV; e o Citröen C4 Picasso relanzado neste 2016 un monovolume de última xeración que se parece moi pouco aos parentes que asucaban as estradas hai poucos anos. Os tres pretenden ser diferentes e marcar espazo cos seus rivais... á parte de deixar espazo nos seus maleteiros.

E se empezamos falando de espazo o Peugeot 308 SW ofrece 610 litros de capacidade -o Ateca 510 litros e o do Citroén C4 Piccaso, 537-. O break francés responde claramente neste sentido ao que toda a vida pediu un coche familiar, no que ademais a ampla apertura do portón e a posibilidade de abater totalmetne os asentos traseiros engaden unhas prestacións extra.

E se comparamos ao Peugeot SW cos outros dous modelos que probamos nos terreos que aqueles mellor se moven? Con respecto ao Ateca, un coche que como as propias siglas (SUV) do seu segmento din, ten unha «utilidade deportiva», o Peugeot que conducimos estes días, con 150 cabalos en 2.0 litros, con combustible diésel, vai como un tiro, cun consumo medio de 6,5. O acabado GT Line, cunhas lamias de aleacción de 17 polgadas, dobre saída de escape (decorativas ambas, iso si) e baixos de carrocería ensanchados, así como un interior no que o negro e o vermello compoñen unha agresiva combinación cromática. Non é tan sport utility como o Ateca (sen dúbida non podería meterse por algúns camiños de terra polos que o Seat si accedería, sen ser leste, sen dúbida, un 4x4) pero tamén ten os seus cosiñas. E, se lle tomamos a medida ao Peugeot coa cinta métrica do C4 Picasso, atopámonos con que o da marca do león non ofrece tanta amplitude interior, pero que nel poden viaxar cinco persoas con total comodidade, á parte das equipaxes. A posición menos elevada do condutor con respecto á estrada que nos atopamos no 308, fronte aos outros dous modelos, xa é unha cuestión de gustos persoais.