Coidar o corazón é cousa de nenos

EXTRAVOZ OK

MIGUEL VILLAR

Valentín Fuster, director do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares, cre que hai que ensinar aos nenos de tres a seis anos, que é cando se forma a conduta, a controlar os factores de risco. O experto non deixa de lado que o 20% da poboación infantil padece obesidade, unha das principais causas de infarto

16 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O 80% dos infartos pódense previr controlando os factores de risco: obesidade, tabaquismo, colesterol elevado, hipertensión, sedentarismo... Esta é a teoría. Na práctica, os cardiólogos están a atopar serias dificultades para que os pacientes e a poboación en xeral, sigan as súas recomendacións. A teoría sobre hábitos cardiosaludables está ao alcance de todos, pero falla a súa aplicación. Valentín Fuster, director do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares e do Instituto de Cardioloxía do hospital Monte Sinaí, de Nova York, teno moi claro. Os resultados de seis estudos realizados a nivel mundial, que presentou recentemente en Lugo, coincidindo co Congreso Galego-Asturiano de Cardioloxía, avalan as súas teses. Segundo este prestixioso especialistas, os humanos creémonos invulnerables e as esperanzas para reducir as enfermidades cardiovasculares -que nun futuro ningún goberno vai poder asumir polos elevados custos que levan aparelladas-, están postas en educar aos nenos entre os tres e os seis anos. Por que ese tramo de idade? Fuster sostén que nesa etapa é cando se forma a conduta de adultos. Argumenta que xa está demostrado que son os mellores anos para aprender idiomas.

Cunha educación adecuada sobre os factores de risco impartida entre os tres e os seis anos, con posteriores doses de recordo antes da adolescencia, o cardiólogo recoñecido mundialmente cre que é posible mellorar a saúde cardiovascular. Estes ensinos durarían ata a adolescencia, etapa na que xa non se obtería a resposta agardada, como consecuencia do cóctel hormonal que acompaña á persoa nesa etapa da vida. O experto non obviou en ningún momento da súa intervención en Lugo que o 20% da poboación infantil xa padece obesidade, sendo un dos principais factores de risco cardiovascular. As súas teses aválaas con estudos realizados con nenos en diferentes países, entre eles Colombia. En España están a realizar nestes momentos uno con 25.000 menores.

En canto ás intervencións cos adultos, Fuster sostén que a familia é fundamental á hora de influír no cambio de hábitos e no seu mantemento. Tamén avogou pola terapia grupal para conseguir resultados que non son posibles individualmente.

ALZHÉIMER E FACTORES VASCULARES

Fuster falou en Lugo sobre arterioesclerosis, unha enfermidade que afecta ao 70% da poboación e que é a principal causa de morte no mundo. Segundo o especialista, está demostrado que a progresión do alzhéimer ten que ver con factores vasculares. Alerta que a partir dos 40 anos redúcese o poder cognitivo se non se coidan os factores de risco.