Que sabes do teu metabolismo?

EXTRAVOZ OK

getty

Telo rápido ou lento depende de numerosos factores, como a idade, o tamaño, os xenes... O gasto enerxético dos homes é máis elevado que o das mulleres. De aí, a habitual maior tendencia das mulleres a gañar peso, barrigas cervexeiras á parte. Por iso cústanos tanto adelgazar.

19 jun 2017 . Actualizado ás 09:03 h.

Hai persoas delgadas que levan toda a vida intentando convencer as máis grosas de que, en realidade, «comen como limas» pero que, con todo, deben a súa envexada figura a un metabolismo acelerado. «Entre volver nacer cun novo metabolismo e a gloria literaria, escollería o primeiro», soltou nunha entrevista en televisión a novelista Almudena Grandes. Ter un corpo áxil á hora de deglutir é case coma se tocáseche a lotería. Hai algo de certo en todo iso? É verdade que se pode ter un metabolismo lento ou rápido? Si, afirma Fernando Cordido, catedrático de Endocrinoloxía e Nutrición da Universidade da Coruña e do Hospital Universitario A Coruña. O metabolismo é o conxunto de reaccións químicas que teñen lugar no noso organismo, así como o consumo enerxético que todas esas accións supoñen. Hai tres tipos: o metabolismo basal, que é o gasto enerxético do noso organismo cando está en repouso; a acción dinámica específica dos alimentos, que é o consumo de enerxía que implica o seu procesado; e o gasto metabólico que trae a actividade fisica. O primeiro deles, o gasto metabólico nasal, si é diferente en cada persoa e depende de numerosos condicionantes. Un neno, por exemplo, ten un consumo metabólico adicional moi grande, que é o que implica o seu proceso de crecemento. Nos adultos, o gasto metabólico depende do tamaño do organismo humano, do sexo, da idade... Unha persoa moi grande ten maior gasto metabólico que outra de menor tamaño e [atención, malas noticias, mozas] o consumo enerxético dos homes é maior que o das mulleres. Por iso nós temos unha maior tendencia a engordar? «Efectivamente, así é», responde o especialista.

 Como inflúe a idade? Os nenos teñen un maior gasto metabólico porque «gastan para crecer e, en cambio, co envellecemento o gasto metabólico diminúe». Este é o caso tan común do octoxenario que só precisa inxerir pequenas cantidades de alimento a diario sen que iso varíe un chisco a súa condición física.

Genotipo aforrador

Aínda que son menos coñecidos, existen unha serie de compoñentes xenéticos que tamén inflúen no metabolismo e que poderían explicar, en parte, a obesidade. É o que se bautizou como o genotipo aforrador, segundo o cal hai persoas que inxeren pouca cantidade de enerxía, pero o seu organismo está programado para aforrala por se veñen períodos de fame negra. «Xeneticamente están adaptados para que o seu organismo aforre», explica o doutor Cordido.

«Ter un corpo áxil para deglutir é coma se tocáseche a lotería, pero o metabolismo pódese acelerar co deporte»

Un metabolismo lento pódese acelerar? «Non. Punto». Categórico, Fernando Cordido aclara que o noso metabolismo está condicionado polas nosas características físicas e pola nosa herdanza xenética, pero é dificilmente modificable. O que hai que cambiar son os hábitos de vida, porque, ademais, algún deles si podería influír na túa porcentaxe de consumo enerxético diario. Pórche a facer exercicio, globalmente, non che cambiará o teu gasto metabólico, pero se os teus músculos aumentan, conseguirás acelerar a actividade metabólica do teu corpo. Así o explica o endocrino do Chuac: «O metabolismo garda moita relación coa masa muscular. A maior masa muscular, maior metabolismo».

As patoloxías máis características que poden alterar o noso metabolismo son as relacionadas coa glándula tiroidea, cuxa principal función é, precisamente, regular o noso consumo enerxético diario: as máis habituais son o hipotiroidismo e o hipertiroidismo, máis comúns nas mulleres e, a miúdo, infradiagnosticadas. No hipotiroidismo prodúcese pouca hormona tiroidea e diminúe ou se retarda o metabolismo e, no hipertiroidismo, aumenta. Por iso os primeiros teñen maior tendencia a gañar peso e os hipertiroideos adelgazan con máis facilidade.