A debilidade polo chocolate está nos teus xenes

B. Hermida

EXTRAVOZ OK

Por que seguimos comendo certos alimentos, mesmo cando sabemos que non son bos para nós? As variantes xenéticas que afectan o funcionamento do noso cerebro poden ser a razón

22 may 2017 . Actualizado ás 11:14 h.

Por moito que cho propoñas, sempre acabas caendo. Empezas unha dieta e ao terceiro día, sen darche conta, xa sucumbes á tentación das galletas, o chocolate, ou o pan. A investigadora Silvia Berciano, da Universidade Autónoma de Madrid, presentou os resultados dun estudo no que se demostra que as nosas preferencias á hora de elixir alimentos poderían ter unha orixe xenético.

 «A maioría das persoas ten dificultades para modificar os seus hábitos alimenticios, mesmo aínda que saiban que é no seu beneficio --relata Berciano--. Isto é porque as nosas preferencias alimenticias e a capacidade de traballar cara aos obxectivos ou seguir os plans afectan ao que comemos e á nosa capacidade de seguir cos cambios da dieta. O noso traballo é o primeiro estudo que describe como os xenes do cerebro afectan á inxesta de alimentos e as preferencias dietéticas nun grupo de persoas sas».

Aínda que a investigación anterior identificou os xenes implicados cos comportamentos vistos en desordes alimenticias como a anorexia a ou bulimia, sábese pouco sobre como a variación natural nestes xenes podería afectar a comportamentos alimenticios en persoas sas. A variación xenética é o resultado de sutís diferenzas de ADN entre individuos que fan que cada persoa sexa única.

Para o novo estudo, os científicos analizaron a xenética de 818 homes e mulleres de ascendencia europea e recompiaron información sobre a súa dieta usando un cuestionario. Así, descubriron que unha maior inxesta de chocolate e un maior tamaño da cintura asociábase con certas formas do xene receptor da oxitocina, e un xene asociado á obesidade desempeñou un papel na inxesta de vexetais e fibra. Tamén observaron que certos xenes estaban implicados na inxesta de graxa e sal.

Os novos achados poderían utilizarse para deseñar enfoques de medicamento de precisión que axuden a minimizar o risco dunha persoa de sufrir enfermidades comúns, como a diabetes, as patoloxías cardiovasculares e o cancro, adaptando a prevención e a terapia baseadas na dieta ás necesidades específicas dun individuo.