Musicoterapia: cando as melodías axudan a curar

EXTRAVOZ OK

Álvaro Ballesteros

Está demostrado que a música ten efectos sobre o cerebro. E dese poder válese a musicoterapia para mellorar a calidade de vida de calquera paciente. A Asociación Galega de Musicoterapia é o puntal de lanza desta disciplina en Galicia, que conta cun máster de 6.000 horas divididas en catro anos

18 dic 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Son, ritmo, melodía e harmonía. Son os catro ingredientes que conforman unha das creacións máis belas do ser humano: a música. E se a música é capaz de transmitir melancolía, facer arrincar con forza pola mañá, relaxarnos ou inxectarnos unha dose de optimismo, por que non curar? Sandar a través da música é o que fai a musicoterapia, unha disciplina que en Galicia ten como puntal de lanza a Asociación Galega de Musicoterapia, dirixida por Montse Merino. Pero, que é exactamente a musicoterapia? «A musicoterapia é a utilización da música e os seus elementos musicais por un musiciterapeuta cualificado cun paciente ou grupo nun proceso para facilitar ou promover a comunicación, as relacións, a aprendizaxe, o movemento, a expresión a organización...», explica Merino. E a través desa terapia buscar satisfacer as necesidades do paciente, xa sexan físicas, emocionais, mentais , sociais ou cognitivas. É dicir, o seu fin é promover potenciais ou restaurar as funcións dun individuo de maneira que poida lograr unha mellor integración intra ou interpersoal e con iso, unha mellor calidade de vida.

Base científica

«Desde moi antigo sábese que a música axuda a mellorar a calidade de vida. No seu momento era medicamento, pero logo empezou a perder ese prestixio», que agora se está recuperando. E para devolver á música ao lugar que lle corresponde no que a saúde se refire, necesítase unha base científica. O modelo Casa Baubo, relata Merino, ten ese fundamento científico, porque todo o que propón esta investigadora está contrastado. A súa investigación comezou no ámbito do coma, e, por exemplo, no seminario internacional de jazz que organizou participou o reputado neurocientífico Robert Zatorre, que centra a súa investigación nas relacións entre o cerebro e a música e que agora colabora no máster de Musicoterapia de Galicia, que este curso empeza a súa segunda edición.

«Xurdiu pola necesidade dunha formación potente mentres non exista o grao», que non está implantado en España. A confederación europea de musicoterapia estableceu que o máster debe ter 60 ECTS e 1.500 horas, así como horas de formación clínica supervisada e traballo persoal. «A formación de Galicia ten 6.000 horas e catro anos», explica Merino. O máster ten case mil horas de formación práctica, divida en tres anos. O primeiro é de observación, ver como se traballa en todos os ámbitos. «Aí é onde vas ver cal é o teu campo». O segundo ano céntranse no campo da súa elección e seguen a un paciente. Indagar significa facerse preguntas. E o terceiro ano é cando entra a investigación científica.

O máster en musicoterapia xurdiu pola necesidade dunha formación potente mentres non haxa grao»

Desde moi antigo sábese que a música axuda a mellorar a calidade de vida e usábase como medicamento»