Guerra aos excesos do Nadal

EXTRAVOZ OK

MILA MÉNDEZ / EMILIO CERVIÑO

Acabar en xaneiro con dous ou tres quilos de máis pódese evitar seguindo os consellos dos especialistas, que falan para comer de todo, pero en pequenas cantidades. Aproveitar os días que non hai ceas para compensar e facer media hora de exercicio diario son os trucos que completan a estratexia.

18 dic 2016 . Actualizado ás 15:04 h.

Din as estatísticas que alá polo día 8 de xaneiro a nosa báscula marcará dúas ou tres quilos máis que hoxe pola mañá. Pero de que son os quilos que engordamos en Nadal? A nutricionista Amil López Viéitez, autora do blogue A Dieta Coherente, teno claro: «eses quilos son case sempre de calorías baleiras que veñen, por unha banda, dos azucres ocultos que están nas sobremesas do Nadal; e por outra das procedentes do alcol, que non achegan nutrientes. Pensa que nunha comida de Nadal ou nunha cea de empresa podemos consumir unhas 1500 calorías, case o que necesita unha muller normal (2000 calorías) en todo o día».

A dúbida é se se pode facer algo para previr as consecuencias dos atracones. Claro, pero con tempo. A día 18 xa é un pouco tarde, aínda que «cunha dieta de dez días pódense baixar tres ou catro quilos, agora é un pouquiño difícil porque xa hai comidas e ceas de empresas, compromisos con amigos... O Nadal non é o 25, realmente xa empezou co mes». Pero, xa metidos en faena, a experta propón varios trucos que poden resultar útiles para que o drama se suavice un pouco. «Eu o que propoño no blogue, e é que os días de festa non se salten ningunha comida, porque saltarse comidas está comprobado que engorda, hai que almorzar ben e facer un tentempié con algo de proteína, mesmo dúas tentempiés, porque así ao chegar á comida ou á cea non che lanzas aos aperitivos, que adoita ser o máis calórico».

Xa sentados á mesa, Amil propón «aproveitar para comer en cantidade do primeiro e segundo prato se hai marisco, carne ou peixe; para saciarnos. E se prevemos que imos tomar sobremesa pois non comer, por exemplo, a guarnición: as patacas, o arroz, o puré... así podes tomar un pouquiño de sobremesa e que non che pase factura a comida». Tamén hai outros trucos pouco coñecidos como beber un vaso de auga fría antes da comida «porque contrae o estómago e sáciasche antes», ou ese clásico de non mesturar, que non só é bo para evitar a resaca. «Se imos tomar viño na cea pois non tomar cervexa antes para non mesturar, porque ao final fan sinerxía as calorías líquidas das distinas bebidas alcohólicas e son moi difíciles de metabolizar. Case xa van directamente para os depósitos de graxa».

Como sempre, moverse é outra estratexia para que os quilos non se vaian acumulando. «Hai que aproveitar os reencontros de familia e amigos para saír a bailar ou botar unha pachanga, tamén vale camiñar, subir escaleiras... No blogue temos unha táboa de tonificación muscular de cinco minutitos ao día que activa o metabolismo».

Cando o dano xa está feito e comemos un pouco de máis tamén podemos compensalo os días que non haxa festas cunha dieta máis coidada. «Pódese facer unha comida vexetariana e unha cea a base de proteínas, que é moi depurativa e faiche alixeirar os excesos». Outros trucos: o caldo depurativo para eliminar toxinas, que se pode facer, gárdalo cinco días na neveira e valo tomando pola noite. Tamén suxire un almorzo para metabolizar o alcol, a base de ovo, espárragos e laranxa...

«Sempre nos imos a pasar un pouco -di a experta-e máis en Galicia. Pero é mellor comer un pouco de todo e non pasarse moito, porque se non tamén acabas intoxicado, coa vesícula cargada, estás canso, dormes peor..».

¡O meu estómago!

As urxencias hospitalarias aumentan en Nadal un 20 % polos atracones de comida.«O acúmulo de excesos durante tantos días pode provocar sobrecarga dixestiva e dixestións pesadas xa que son comidas con moitas calorías, graxas e moito sal. Así, poden aparecer síntomas como hinchazón e ardor de estómago, dor estomacal, náuseas, vómitos, diarreas e malestar», asegurou o doutor e profesor clínico da Facultade de Medicina e Ciencias da Saúde da Universidade de Alcalá, Juan Carlos Ocaña. Os expertos recomendan, se o farmacéutico o aconsella, tomar preparados farmacéuticos de plantas medicinais como o cardo mariano, que axuda a eliminar as toxinas acumuladas no fígado, ou as follas basais de alcachofa que axudan a depurar e desintoxicar o organismo, polo que poden ser útiles para tomar despois dos excesos.

E a resaca?

O fígado vese resentido nestas datas debido ao alto consumo de alcol que se realiza. «É ademais o nutriente máis calórico de todos e pode irritar a mucosa gástrica, dando lugar ao ardor de estómago, e sobrecargar de traballo ao fígado», explicou o doutor Ocaña. Ademais, no caso dos licores coñecidos como dixestivos, existe un falso mito porque «o que fan é dificultar a dixestión con problemas de acidez», engadiu.

Tres de cada catro presentas consumen alcol durante estas festas, e máis dun terzo recoñece sufrir resaca. O consumo de bebidas alcohólicas adoita ser elevado e ten como consecuencia complicacións que afectan o fígado, ao páncreas e ao esófago. Os médicos alertan dos perigos de tomar alcol de dubidosa procedencia, e aconsellan fuxir da bebida barata servida en locais non autorizados, xa que pode ter sido adulterada.

Cales son os trucos para evitar a temida resaca? Pois, ademais dos que xa escoitamos moitas veces: non beber co estómago baleiro e non mesturar, tamén pode ser útil saber que os licores e viños claros producen menos resaca. De maior a menor, en canto ao malestar que poden xerar ao día seguinte, están o coñac, o viño tinto e o ron. Despois o whisky, o viño branco, a xenebra e, para rematar, o vodka.

Beber dous vasos de auga antes de durmirse pode axudar coa deshidratación e mellor tomarse o análgesico (se se toma, que non sexa paracetamol) cando che espertes, ao día seguinte. Ao levantarse vén ben almorzar ovos e nunca cafeína senón leite, zumes, infusións...