O reloxo circadiano ou cando a rutina che senta moi ben

EXTRAVOZ OK

É un dos propósitos que máis se formulan agora que se achega o final do ano: romper coa rutina. Con todo, hai certos costumes que nunca deberiamos deixar de facer. Non gañar quilos e optimizar tratamentos médicos son algunhas das vantaxes que se esconden tras esta palabra tan inxustamente malinterpretada

02 oct 2017 . Actualizado ás 12:05 h.

Do mesmo xeito que as plantas, os humanos tamén nos movemos ao compás do planeta. Elas pechan as súas follas cando se pon o sol e ábrenas cando sae. Nós, polo xeral, facemos o mesma coas pálpebras. O culpable deste teimudo costume localízase no núcleo supraquiasmático, un grupo de neuronas situado detrás dos ollos, no hipotálamo. É o reloxo circadiano, capaz de distinguir a noite do día polos sinais luminosos que detecta unha vez que entran pola pupila. Este cronómetro corporal átanos a uns ritmos de soño, «envía mensaxes que lle indican á glándula pineal do cerebro cando liberar melatonina», apunta Bibiana García Visos, bióloga e divulgadora nos Museos Científicos da Coruña. Ademais, inflúe noutros aspectos fisiológicos como a regulación da temperatura corporal, a presión arterial, a produción de hormonas ou as funcións do aparello dixestivo. Por iso, durante a madrugada aumenta a produción de vasopresina, diminuíndo a sensación de sede, ou se reduce a actividade dos pulmóns, aumentando a probabilidade de sufrir un ataque de asma.

O horario dos xenes

Grazas aos avances no campo da cronobiología sabemos que este reloxo central non esta só. Hai miles actuando de forma específica sobre o corazón, o fígado, a pel ou as células graxas. «Os xenes das células que forman estes tecidos actívanse ante un estímulo externo. Teñen a súa hora de maior ou menor trafego», explica a bióloga coruñesa. No 2014 John Hogenesch publicou o atlas dos xenes circadianos do rato na Universidade de Pennsylvania. Concluíu que máis da metade dos xenes dos mamíferos prefiren a puntualidade e a orde e poden desacoplarse ante cambios. «Noutro estudo empezaron a dar para comer de día a un grupo de ratos, que é cando adoitan durmir. Este grupo engordou máis que o que tiña os seus reloxos internos sincronizados», sinala Bibiana. Unha investigación publicada no King´s College de Londres pola nutricionista Gerda Pot chega a un conclusión similar. Tras analizar os costumes alimenticios de 5.000 persoas desde 1946, asegura que a presenza de diabetes, obesidade e problemas cardiovasculares é maior entre traballadores nocturnos e persoas que non manteñen un horario regular para comer. «Sabemos que tomar as pastillas para a tensión antes de deitarse é máis efectivo que facelo pola mañá. Está a verse que manter sincronizados os reloxos biolóxicos periféricos co central grazas a uns hábitos diarios non só pode ser útil para controlar o peso, senón tamén para optimizar determinados tratamentos», opina Bibiana.

As oportunidades que pode brindar este campo de estudo ábrense a enfermidades como o cancro. «As células cancerígenas caracterízanse por duplicarse e ser arrítmicas nun corpo que, ben sincronizado, mantén os seus ciclos. Dar quimioterapia no momento adecuado podería atacar o tumor con menos efectos secundarios para o resto do órgano ou tecido se non está activo», explica a divulgadora. As farmacéuticas xa traballan na investigación desta posibilidade para a que escoitar con atención o tic-tac que marca o corpo é fundamental.

En resumo, manter as rutinas na nosa vida pode ser beneficioso para o organismo, e se o que tememos é o aburrimento abonda con esforzarnos por engadir un toque extraordinario para compensar a inercia.