Esta crema é só miña

EXTRAVOZ OK

MARCOS MÍGUEZ

Ten sentido que dúas persoas con peles completamente distintas utilicen o mesmo produto? A cosmética a medida faise forte nun mundo no que menos cada vez é máis. Todo son vantaxes: un só produto que trata necesidades particulares, acompañado dun diagnóstico dermatológico e recomendacións específicas dun experto para coidar a pel

20 novs 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Imaxínese que un bo día decide acompañar os seus almorzos cunha contundente dose de multivitaminas. Porque alguén a quen coñece recitoulle sen coller aire todos os beneficios para o organismo de tales suplementos alimenticios. Máis enerxía, atención plena, fortalecemento do sistema inmunológico. Ou porque o escoitou nalgún faladoiro televisivo a media mañá. Ou simplemente porque o seu compañeiro de traballo segue tal rutina e que ben lle senta. Agora, parir un momento a pensar: necesita o seu corpo un xute nutricional? está preparado o seu fígado para recibir cantidades elevadas do complexo B? é capaz o seu organismo de eliminar a cantidade de ferro que está a recibir? Seguramente se lle escape, seguramente nunca se parou a pensalo. Pois coa pel pasa exactamente o mesmo.

Adoita gozar a cute dunha atención plena, a sociedade está o suficientemente mentalizada da importancia do seu coidado. Pero non sempre da correcta. Recibe ungüentos recomendados, complexos tratamentos que prometen resultados case milagrosos e pomadas que ocupan postos privilexiados nos ránkings da OCU, pero é realmente iso o que lle fai falta? Precisan o mesmo todas as peles? Ten sentido que dúas persoas utilicen a mesma loción de cabeceira?

A cada problema, a súa solución. Tan sinxelo de entoar e en ocasións tan complicado de levar á práctica, o consello non só resolve con vocación predicadora as anteriores dúbidas, senón que ademais resume o servizo que desde o pasado mes de abril Beatriz Carracedo e Elva García Fra prestan aos clientes da coruñesa Farmacia Fra: unha análise facial, un diagnóstico de pel personalizado e unha crema a medida. Que significa isto? Que a través dun completo e rápido estudo dermatológico son capaces de descifrar o tipo de pel e as súas necesidades e, co diagnóstico na man, proporcionar consellos farmacéuticos individualizados e formular unha crema e un sérum personalizados. Un remedio en función de cada necesidade.

Á personalización, espiña dorsal do tratamento, súmanselle outros dous factores que teñen moito que ver co alto grao de satisfacción de todo aquel que entra na botica herculina -e nas outras 20 repartidas por todo o mapa galego que prestan a consulta e dispensan os cosméticos- e sae co rostro escaneado, as rutinas de coidados claras e a certeza de que a pócima coa que se embadurnará os poros é a idónea, tal e como reza o nome do concepto. Son a tecnoloxía -a análise leva a cabo a través dun innovador equipo- e o consello experto. «Comezamos con Idonea coa idea de profundar máis no paciente, no seu problema de pel, de enfocarnos nel e tratala a partir de aí», explica Elva Fra. «Hai que coidarse a pel, é importantísimo -reflexiona-. Empezar a facelo mozo para que non envelleza de forma prematura, limpala e hidratala». O tema da cosmética personalizada corre na fala da xente, o que indica fiabilidade, garantías. A farmacia despacha cada día varias citas. A maioría dos que os proban repiten. Pero, en que consiste o proceso?

Avaliación gratuíta

«É un diagnóstico da pel que ten varios pasos: unha avaliación, un dermoconsejo farmacéucito e unha prescrición -detalla a experta-. Partimos dunha crema basee e, segundo o resultado que guinde a análise, ímoslle engadindo unha serie de principios activos para obter un produto adecuado ás esixencias de cada pel». O diagnóstico é gratuíto. Un chega alí, confésase sobre os seus hábitos, achega a cabeza a un pequeno aparello, recibe dous feixes de luz sobre o rostro, escoita o veredicto, recíbeo en papel, atende ao asesoramento e, se o desexa, ten a opción de levar o bálsamo persoal e intrasferible.

O primeiro paso é informativo. «Cóntanche que é o que van facer -precisa Sabela Ruy-Díaz, usuaria habitual-- Primeiro pregúntanche sobre as túas rutinas, se che fas limpezas, como tratas á túa pel, se che hidratas a diario...; logo ensínanche os 28 principios activos, explícanche que con eles pode regularse a crema basee segundo o diagnóstico obtido e móstranche os produtos, as tres posibilidades: un sérum e dúas cremas con diferentes texturas, unha mais fluída e outra máis suntuosa». Continúa: «Despois fanche o diagnóstico, apoias o mentón e a fronte e de aí sae unha imaxe dixitalizada». Revísase o resultado e chegan -tras un minucioso estudo dos factores ambientais da contorna (como a temperatura, o índice de raios uva ou a humidade) e os fisiológicos da pel (as engurras, as manchas melánicas, a hidratación ou a graxa)-- as conclusións. «Identifican as zonas nas que necesitas un tratamento específico; por exemplo, se na da ‘T' (a rexión centrofacial que comprende fronte, nariz e queixo, propensa a ser máis graxa) tes os poros máis abertos, se hai algunha na que predominen a engurras, onde hai rojeces, se as hai, e onde manchas...». Así, Sabela deuse conta de que debía reforzar a zona dos ollos para previr a caída e de que á súa pel non lle viría nada mal un tónico tras cada limpeza e dúas peelings semanais. Coñeceu a súa pel, ata entón estraña para ela. Aprendeu a coidala e, sobre todo, a educala. Creou un hábito, empezou a ser consciente da súa evolución, a estar atenta. «Se as túas rutinas non son boas, o produto non serve para nada -valora-. Se a pel non está preparada, pode non absorbelo ben e, ao final, acabas tirando o diñeiro».

Tras o consello, veu a solución: a formulación da crema. De entre catro millóns de receitas diferentes posibles, selecciónase e proponse no momento a mellor combinación e dosaxe de principios activos -todos naturais, libres de parabenos, aceites minerais e derivados do alcol- para cada cliente, que recibe in situ e en cuestión de minutos un tratamento multiacción cento por cento personalizado.

Todo este proceso, que de entrada pode parecer complexo, resólvese en menos dun cuarto de hora. E ademais de rápido é económico. O sérum non chega aos 30 euros e a crema (calquera das dúas) aos 40. «Ás veces o que pasa coa etiqueta ‘bio' e ‘eco' é que os prezos se poñen polas nubes, pero non é o caso -apunta Sabela-. É natural e é alcanzable».

Engade Elva Fra que é importante ter en conta que non só se trata dun tratamento específico para cada persoa, senón para cada momento. «A mesma pel necesita ás veces un coidado e outras veces, outro distinto -argumenta--. No verán, por exemplo, precisa dunha atención determinada e no inverno, doutra. Todo lle pasa factura, se bebemos máis ou menos auga, o efecto do sol, a sequidade...». Subscribe a observación Sabela: «Cando volvo, repito o diagnóstico, porque a pel non está nas mesmas condicións. Aféctalle o clima, o tempo, a alimentación... polo que seguramente a crema que che fas nun determinado momento necesitará tempo máis tarde un axuste». Unha posta a punto do órgano que -convén non esquecer- enfróntase ao mundo. Que nos conecta e ao mesmo tempo protéxenos do exterior.