¡Camiña!, a túa saúde agradeceracho

Tania Taboada

EXTRAVOZ OK

ROI FERNANDEZ

A túa VIDA diaria é un caos?, vives nun continuo estrés e con miles de preocupacións? Se a resposta é si, ponche as botas e o chándal e pérdeche polo monte facendo unha ruta de sendeirismo. Relaxarache e gozarás da estampa que ofrece a natureza nesta estación. Os expertos téñeno claro: o sendeirismo mellora a saúde.

16 oct 2016 . Actualizado ás 09:25 h.

É talvez o deporte idóneo para practicar no outono. A paisaxe e a meteoroloxía que nos ofrece a estación é a perfecta para camiñar de xeito relaxado e desconectar da rutina diaria. As diversas contornas repletas de beleza, o contraste de cores que loce a flora, o contacto directo coa natureza e o son dos animais é moi agradable para levar a cabo un exercicio de intensidade lixeira ou mediana e camiñar por traxectos campestres e rutas de montaña. Ademais pódese practicar de xeito individual ou colectivo. A gusto de cada cal.

Os expertos opinan que o sendeirismo é un deporte moi recomendado para loitar contra o estrés; ademais beneficia ao corazón, diminúe a frecuencia cardíaca, tonifica os músculos, combate o sobrepeso e mellora os lazos sociais coa familia e amigos.

Unha das empresas de Galicia que se dedica a organizar rutas de sendeirismo é «Rutea». O seu xerente é Roi Barcala (Ourense, 1979) e leva un ano á fronte. A súa actividade céntrase especialmente en percorrer tramos da Ribeira Sacra pero tamén actúa noutros municipios lucenses, como Paradela a zona do Miño e Sil, Ourense e mesmo algunhas partes de Pontevedra.

A última ruta que realizou remóntase ao domingo día nove de outubro e un fotógrafo de La Voz acompañounos na camiñada. Os tramos elixidos foron entre Maiorga e Os Peares e nela participaron máis de cen presentas. «Acabamos cansos porque foron 22 quilómetros de andaina e mil metros de desnivel positivo acumulado», explicou Roi Barcala que coa axuda da Casa Rural «Caserío de Castiñeira», outra empresa de Ourense e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, organizou unha ruta que deixou pampos (polo seu encanto) aos máis de cen participantes.

Ás 9.30 da mañá partiron de Maiorga e ás 16.30 xa chegaran á meta. «Empezamos moi cedo porque son rutas duras, de cinco horas como mínimo, pero que sentan moi ben. Acabas totalmente relaxado e realizado», indicou un dos participantes.

Aínda que na Ribeira Sacra é onde máis actúa Rutea, tamén ofrece practicar sendeirismo por outras zonas de Lugo e Ourense. Nalgunha ocasión chegaron á zona da Costa dá Vea, en Pontevedra. «Comezamos hai un ano por unha mistura de necesidade laboral e ficción. Nas rutas pequenas participan entre 30 e 40 persoas; nas grandes, mais de 100».

No que vai de ano, a empresa organizou máis de 30 rutas e casualmente a maioría dos deportistas proceden de Vigo e A Coruña. «Os encantos da Ribeira Sacra son incribles. Traballo en oficina, no medio de computadores e isto é unha forma de desconectar e liberar tensión», afirmaba unha das participantes. «O outono na Ribeira Sacra é un destino a nivel mundial. As cores dos viñedos, das árbores... É incrible esta paisaxe. Gozas do seu colorido á vez que practicas exercicio», opinaba outra deportista.

Indumentaria

A ilusión por chegar ao final da ruta é a principal motivación para realizar estas marchas. Os sendeiristas parten con roupa cómoda, mochila, un bocadillo para repor forzas e unha botella de auga para hidratarse. Esta última talvez sexa o máis importante para poder hidratarse.

Segundo indican os expertos, débese comezar con dez a 20 minutos de estiramento e forza muscular para diminuír as lesións e aumentar a flexibilidade. En canto ao percorrido, non se debe empezar de golpe, senón ir aumentando de xeito progresivo a distancia do traxecto e o ritmo de camiñar; tamén se debe empezar andando amodo e parando en curtos traxectos para descansar. Se o traxecto é longo e a ruta necesita varias horas é conveniente descansar e beber moita auga antes e durante o percorrido.

Todos aqueles cidadáns que desexen anotarse en Rutea, para facer diversos tipos de rutas, teñen que cubrir unha folla de inscrición que custa sete euros e onde se inclúe o seguro de accidente, responsabilidade civil, un tentempié e o transporte en autobús, posto que as rutas son lineais e necesítase este transporte para recoller o automóbil particular.

Un deporte moi recomendable polos seus beneficios para a saúde (tanto física como psíquicamente) e apto para o outono.

O outono na Ribeira Sacra é un destino a nivel mundial. As cores dos viñedos, das árbores...