E ti... tómasche ben a pastilla?

Branca Hermida

EXTRAVOZ OK

Sabías que un vaso de leite pode reducir a eficacia dalgúns medicamentos? Tomar unha pastilla antes ou despois da comida, ou mesturala con algúns alimentos, pode variar radicalmente o seu efecto. O mellor é preguntar sempre ao médico.

19 jun 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Cando o gripazo está a piques de tombarche o máis doado é pensar en tomarche un paracetamol cunha cunca de algo moi moi quente. Pois podería ser un erro. En xeral, os alimentos e bebidas a temperaturas moi altas bloquean a acción dos medicamentos. Esta é só una das moitas cousas que descoñecemos cando nos tomamos os fármacos que nos receita o médico. Cos antibióticos, por exemplo, estendeuse nos últimos anos a tendencia de consumir bífidus para compensar os efectos sobre a flora intestinal, pero o que se coñece menos é que os lácteos, tamén os iogures con bífidus, reducen a absorción dalgúns antibióticos (tetraciclinas e penicilinas orais). Tamén vai mal o leite e os seus derivados co ferro e co s laxantes que conteñan magnesio. Por iso, se imos consumir os lácteos con estes fármacos convén deixar pasar polo menos un par de horas entre un e outro.

Non toda a información sobre como se debe tomar unha pastilla vén necesariamente no prospecto, pero hai algunhas normas básicas e trucos que poden axudarnos para lograr un maior efecto terapéutico. Aconséllase, por exemplo, tomarse sempre a pastilla con moito líquido, polo menos un vaso de auga, porque favorece a súa absorción. Cando nos din que hai que tormarlo en xaxún quere dicir que temos que pasar polo menos unha hora antes e dúas horas despois sen comer absolutamente nada. En caso de non ter que estar en xaxún, os expertos lembran que os alimentos axudan a que se disolva mellor o fármaco, e que non é nada aconsellable tomalo con bebidas gasosas, zumes acedos, café e té.

¡Non che saltes a toma!

Entre os erros máis frecuentes que cometemos cando tomamos un tratamento est´´ao non respectar as pautas co horario, saltarse algunha toma e, sobre todo, deixar de tomar a medicación cando nos atopamos ben. Médicos e farmacéuticos lembran que esta práctica pode ter consecuencias «moi graves» en casos como a hipertensión, a diabetes ou algunhas infeccións. Cos antibióticos é imprescindible realizar todo o tratamento, aínda que nuns días notemos a melloría, porque, en caso contrario , «poden presentarse resistencias e recidivas que compliquen o prognóstico e un tratamento posterior», segundo fuents do Consello Xeral de colexios Oficiais de Farmacéuticos (CGCOF).

No mundo dos tratamentos, ademais, cada un ten o seu momento. Hai fármacos que deben tomarse pola noite, como os da osteoporose ou os do colesterol; mentres que outros que son estimulantes van mellor polas mañás.

Gota a gota

Os tratamentos que se prescriben en colirio, tanto para os ollos como para os oídos, hai que dispensalos con moito coidado. O gotero nunca debe tocar a zona afectada, débese pechar ben despois de cada uso e, unha vez rematado o ciclo, non se poden reutilizar, así que o aconsellable é levalos á farmacia. No caso dos colirios para ollos, a gota bótase na pálpebra inferior e péchase o ollo para retela. Nos oídos convén agardar cinco minutos para que a gota penetre ben no conduto. Cos inhaladores hai que coidar que as cámaras estean limpas e recoméndase que, despois de utilizalos, tanto os nenos como os adultos se enjuaguen a boca, xa que existe a posibilidade de que se produzan infeccións por fungos.

E respecto da caducidade, para evitar erros convén reparar en que a data que algúns medicamentos levan na caixa non é válida a partir do seu consumo, xa que algúns só duran un tempo limitado.