BJJ, onde a mente vence á materia

Manuel Blanco

EXTRAVOZ OK

MÓNICA IRAGO

Tras o CrossFit e o pilates, OK sométese a unha esixente sesión de jiu-jitsu brasileiro, unha arte marcial que causa furor no medio planeta e que vai camiño de converterse en deporte olímpico.

21 may 2016 . Actualizado ás 21:18 h.

Os deportes de loita, tantas veces incomprendidos na rúa, déronlle días de gloria ao xornalismo. Relatos épicos, conmovedores, sostidos pola lenda do máis tenaz dos instintos: o de supervivencia. Un ser humano fronte a outro, co único propósito de derrotalo. Unha contradición en si mesma porque ninguén comprende e respecta máis ao loitador que aquel que aspira a dobregalo. Co obxectivo de entender a esencia e dimensión destas artes, testamos en primeira persoa o jiu-jitsu brasileiro, unha das disciplinas do momento a nivel mundial, con millóns de practicantes nos cinco continentes.

 O imparable auxe do Brazilian jiu-jitsu ou BJJ, unha evolución da arte orixinario do Xapón, habita seguramente na súa concepción: un individuo pouco dotado fisicamente pode someter a un máis forte e pesado co uso de chaves e técnicas. Isto é algo que quedará meridianamente claro no transcurso da sesión impartida por Joao Paulo Alves Amorim. Este experto mestre brasileiro dirixe e xestiona o seu tatami nas instalacións de Arousa Padel en Vilagarcía. Todo bonhomía e cordialidade no trato curto, o seu rictus transfórmase cando arrinca o adestramento. A partir dese instante afloran a esixencia, a disciplina e o respecto. Por un mesmo e pola contra. En definitiva, polo grupo.

Esconde algo tribal o jiu-jitsu brasileiro. Unha sensación de pertenza intimamente agradable. Sobre a pel do tatami hai loita, suor, esforzo, pero tamén compañeirismo. Un permanente estímulo colectivo para que todo o mundo mellore. Que ninguén quede atrás. Esta idea flota no ambiente ao longo da hora e media de adestramento.

A sesión comeza cun quecemento esixente, algo lóxico tendo en conta do que nos agarda. A elasticidade dalgúns compañeiros atafega. A de Lúa, a filla de Joao e Fátima (outra experta loitadora), é directamente doutro planeta. Ao acabar, emprendemos unha rutina de exercicios de coordinación psicomotriz ao longo do tatami: voltereta lateral, cara atrás, desprazamentos laterais e de costas... A esas alturas, o corpo está totalmente activado para explorar os segredos do BJJ.

Joao deseñou unha sesión básica para facilitar a adaptación do xornalista. Para empezar: varias chaves para iniciados. Coa axuda dun compañeiro, descubrimos técnicas de sometemento con brazos e pernas que revelarán ao primeiro de vez de que vai o tema. No jiu-jutsu non hai patadas nin puñadas; non é tan decisiva a forza como a coordinación e a intelixencia. A rapidez e a astucia. A mente sobre a materia, que dirían os orientalistas. Sin duda, preséntase ideal como método de defensa persoal, moi especialmente para mulleres, por iso é polo que a disciplina cause actualmente furor entre o público feminino.

Unha chave ben feita é unha vía para reducir e dobregar ao opoñente. Co agarre adecuado, será imposible que se revolva, a menos que se expoña a quedar sen aire ou a unha luxación. A sesión resulta moi esixente no físico. Joao salpica o coñecemento das chaves con series de fondos, abdominais... Non queda no corpo nin un músculo alleo ao que ocorre sobre o tatami.

E aínda queda a traca final. A rolda de combates. Tres minutos ante distintos compañeiros. Aí revélase a verdadeira dimensión desta arte marcial: todo intensidade, todo pulmón. Aguantar durante 180 segundos as arremetidas dun compañeiro, reaccionar para intentar sometelo, é un brutal exercicio de resistencia. O corazón bombea sangue a discreción; o diafragma contráese febrilmente coa cadencia dunha máquina de vapor. O que escribe sucumbe unha vez tras outra ante a destreza dos seus experimentados compañeiros. Joao espera para pechar a sesión coa última lección do día. Foi unha xornada tan entretida como extenuante. E todos teñen razón: o estrés do traballo é apenas un vago recordo.