Este can si que sabe

EXTRAVOZ OK

getty

A túa mascota necesita de ti para saber comportarse. Ti seras o seu guía e a súa referencia. Por iso é importante dedicarlle tempo,esforzo e atención ás súas necesidades. Ese é o segredo para conseguir que teña unha actitude exemplar.

17 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Traer un can a casa sempre é unha alegría. Ese pequeno ser que che demostrará sempre máis cariño que o que ti poidas darlle, invadirá o teu fogar e converterase nun elemento imprescindible dentro da túa unidade familiar. Pero tamén pode converterse nun verdadeiro problema se non che tomas en serio o seu comportamento. O primeiro que hai ter en conta cando alguén decide ter un can «é que non é un xoguete e ten unha serie de necesidades. Por iso é recomendable elixir o can en función dos teus gustos. Se es moi activo ou sedentario, se che gusta pasear con el. A elección depende de moitos factores». Esa é a primeira premisa que Víctor Rodríguez, educador de cans a domicilio (victorperrocan\gmail.com) dá a todos aqueles que estean a pensar en ter un can. Este tipo de mascotas necesitan sentirse acompañados en todo momento: «Son animais de compaña, necesitan estar contigo e hai que saber que can escoller. Non só porque sexa bonito», engade Rodríguez que considera que o único segredo que existe para que o comportamento do teu can sexa o idóneo é a constancia e o traballo diario.

Un dos principais cabalos de batalla coa chegada dun cachorro ao fogar é conseguir que faga as súas necesidades na rúa. Ao contrario do que poida parecer, o truco do xornal é unha medida moi a curto prazo: «Iso só debería pórse tres días. O que hai que facer é estar en garda e baixar ao can constantemente. Coma se temos que facelo quince veces. Cada vez que faga as súas necesidades na rúa premialo, ben coa voz ou dándolle palmaditas. As chuches só ao principio. Eu son máis partidario de premiarlle con penso. É moito mellor que con lambetadas, iso ten que ser un extra», aclara este experto en canes.

A motivación é a palabra crave para todo: «Hai que darlle premios ao momento. Dous segundos despois, o máis tardar, para que o can se excite e empezo a comprender que iso está ben. Logo tamén hai que ser un pouco pallaso con eles. Facerlle monerías e bobadas», comenta, mentres explica que hai que fuxir dos castigos como pegarlle no fuciño con xornal porque teña ouriñado en casa.

Durante toda a vida

«Desde o mes e medio de vida pódese traballar con el. E pódeselle ensinar durante toda a vida. O que pasa que unha vez que son adultos non aprenden tan rápido e é máis difícil quitarlles os malos hábitos», explica. Outra das premisas importantes é que se senta un can seguro: «Nunca pode ter medo. Hai que gañar a súa confianza. Que confíe en nós. E para iso son necesarias as ordes. Pero unha orde que non lle engane. Cando digas sit que se sente, necesita verte seguro porque se non o fai vai deixar de confiar en ti e non vai identificar a orde. Os cans necesitan mandar ou ser mandados. E nese xogo retaranche durante toda a vida», aclara Rodríguez, despois de indicar que o penso sempre debe ser o alimento de calquera can: «Axudaralle nas dixestións. Tamén na limpeza dos dentes ao ser granulado. Para min, é o mellor», recoñece.