O primeiro viño vegano de Galicia

J.M. Orriols

SABE BEN

O mundo do viño non deixa de sorprendernos e os adegueiros buscan incansables cubrir todos os sectores do mercado. Por exemplo, agora chega o Vía Romana, primeiro viño vegano de Galicia, «para cubrir as expectativas e apetencias dos vexetarianos máis puros»

02 jul 2017 . Actualizado ás 04:00 h.

As adegas Vía Romana de Chantada, que dirixe Juan Luis Méndez, deron un paso máis e, despois dunha longa investigación, que durou case dous anos, sacan ao mercado o primeiro viño vegano certificado de Galicia. «Aínda que se daba por sentado -explica Juan Luis Méndez- que todos os viños eran veganos, é dicir, que non tiñan contacto con nada animal, a realidade é que na clarificación, que se fai habitualmente con clara de ovo, saltábanse a normativa para ser vegano, que é o vexetariano levado ao seu estado máis puro. Nós, sabendo que había demanda (máis nos Estados Unidos e norte de Europa que en España, polo menos por agora) comezamos a investigar e demos cunha solución un pouco máis cara (aínda que non repercute no prezo final, porque o asumimos nós), que é utilizar guisantes para este proceso, sen que isto supoña ningún cambio no viño da anada 2015, que é a primeira que certificamos con esta categoría».

Na presentación que se celebrou en Santiago, puidemos comprobar que o viño conserva a redondez e suavidade de sempre. A botella é a mesma, á que se engadiu a etiqueta do certificado da Unión Vexetariana Española e que está homologada en toda Europa. A partir do próximo ano desaparecerá do frontal e pasará á contraetiqueta, ao lado da de Galicia Calidade.

Viños con certificado

Juan Luís Méndez, que estivo acompañado por Andrea Ripoll, responsable de proxectos da unión vexetariana, e Alfonso Cabaleiro, xerente de Galicia Calidade, afirmou que están a traballar «para que moi pronto todos os nosos viños sexan veganos, porque cada día é maior a preocupación por consumir produtos máis naturais e esta tendencia creemos que vai aumentar nos próximos anos. Aínda que tamén dicimos que este viño é apto para veganos e chuletones».