Alén da trincheira

SABE BEN

lolita vázquez

Tras unha incómoda saída do consello regulador do Ribeiro, que deixou despois de 18 anos e sendo director técnico, Pablo Vidal non só cambiou de escenario, senón que agora, coa súa propia firma, vese obrigado a explorar a actividade comercial

08 ene 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A vida de Pablo Vidal Rodríguez (Ourense, 1971) tivo dezaoito anos como eixo o consello regulador do Ribeiro. Enxeñeiro agrónomo, asomouse como veedor e acabou como director técnico. En xuño abríronlle a porta pola que saíu. E aí arrinca a súa nova vida. Valga dicir que se situou alén da trincheira. O seu é agora facer ben e vendelo. Non ten adega propia, pero si contactos suficientes como para ter personalizado un par de viños, un tinto de Valdeorras e un branco do Ribeiro, que agora comercializa co seu nome. Inspirouse na Capela Sixtina. Primeiro sentiuse Maldito e así bautizou o seu primeiro viño. Logo, co ánimo renovado, mirou de novo ao Ribeiro e decidiu que xa renacera. Son as súas dúas marcas, nas que pretende envorcar todo o que aprendeu nos últimos anos mentres predicaba nuns sitios e controlaba noutros, como parte do seu labor. El, que levaba uns anos reivindicando os viños de garda, lonxe da urxencia e a inmediatez coa que en ocasións presiona o mercado, poderá ver agora ata onde é capaz de chegar. É el quen afina os seus viños, que teoricamente seguen a fórmula de elaboración por/para, é dicir, por unha adega allea para unha firma diferente, que é a súa, co nome e os apelidos por diante. Ánimo non lle falta. De feito, xa empeza a roldarlle a cabeza a idea de buscar tamén na Ribeira Sacra e Monterrei, por aquilo de completar coas catro denominacións de orixe da provincia de Ourense.

Que, aínda che apetece estudar iso do viño?

MONICA IRAGO

Patricia Presas Prego (A Rúa, 1980) chegou aos nove anos a Cambados. Alí creceu e desde moi novo mostrou interese polo viño e todo o que rolda ao seu redor. A vendima, por exemplo, é un traballo por momentos incómodo e máis esgotador que algunha das máquinas do ximnasio, pero tamén ten o seu lado amable, mesmo festivo, segundo a contorna no que se desenvolva. Pasou o instituto e aquela moza dixo en casa que lle atraía aquel mundo e que en Ponteareas, no centro integrado de FP A Granxa, podía aprender e especializarse. Suxeríronlle que pensase na universidade e alá foi, que remedio quedaba, para completar estudos de Relacións Laborais. Co título na man, de regreso, preguntárona se aínda lle interesaba estudar as cousas do viño. E a Ponteareas marchou Patricia, que en setembro do 2003 xa estaba metida novamente en labores de vendima.

Nisto, como en calquera outra actividade profesional, hai quen chega por algunha casualidade da vida. Terán axudado os seus primeiros pasos en Valdeorras e a maduración posterior no Val do Salnés, nun momento en que o aroma do albariño enchíao todo, pero que a súa dedicación ten unha sólida base vocacional está máis que claro. Lonxe quedan os seus primeiros pasos en Condes de Albarei, unha das firmas con máis peso na comarca e tamén na denominación de orixe Rías Baixas. Con Cayetano Otero Padín coincidiu traballando nunha adega, os dous en labores técnicos e el como director. E no 2009 montaron TES S.L., Tecnoloxía Enológica do Salnés, para asesorar a quen o pedise. Había campo, vontade e experiencia. E aí seguen. Crecendo. Patricia, inqueda, pronto abriu o horizonte e fíxose cargo do catálogo de Lallemand Enoloxía, unha multinacional que creceu sobre fermentos e bacterias para completar, como lles gusta dicir, un mundo de solucións naturais para engadir valor aos viños. E aínda que Galicia non sexa ?ata agora, polo menos? terra para facerse rico vendendo barricas, que isto non é Rioxa nin a Ribeira do Douro, campo hai para que difunda as excelencias da produción de Taransaud Tonnellerie por estas terras.