100 anos da Lei Seca: fracaso total

SABE BEN

cedida

A famosa Lei Seca dos Estados Unidos estaba a xestarse agora fai cen anos: en 1933, cando o Congreso decidiu finalmente derrogala, o panorama era desolador: 30.000 gángsteres no cárcere e máis consumo de alcol. Só o cine saíu gañando.

05 dic 2016 . Actualizado ás 17:40 h.

Vito Corleone, ese personaxe de ficción tan real creado por Mario Puzzo, deixou a importación de aceites para dedicarse ao transporte ilegal de alcol durante A Prohibición. Así comezou a forxar o seu imperio aquel mafioso tan parecido a Marlo Brando e todos sabemos como segue a historia. A Lei Seca dos Estados Unidos, que entrou totalmente en vigor en 1920 -en 1917 o Congreso aprobou unha resolución a favor dunha emenda- e prolongouse xa de forma agonizante ata 1933 foi un fracaso absoluto. Calcúlase que neste período unhas cen mil persoas se envenenaron por inxerir alcol non apto para o consumo humano, que houbo preto de trescentas miles detencións relacionadas coa violación da National Prohibition Act e que a partir do segundo ano da posta en marcha da lei o consumo de alcol xa era maior que antes da súa prohibición. Con todo, o principal motivo -nunca abertamente declarado polo demócrata Roosevelt para derrogala- era outro non menos importantes: os 500 millóns de dólares anuais que se deixaban de recadar en impostos.

Sempre o diñeiro, claro. Como as razóns que levaran ao Congreso a deixar secas -en teoría, claro? as gargantas dos Estados Unidos. Detrás das peticións de grupos relixiosos protestantes ou da aparente incomodidade que entre os americanos de orixe anglosaxoa provocaban os costumes máis lixeiros de irlandeses ou italianos escondíanse outros motivos máis materiais, como a presión dos grupos económicos wasp fronte aos inmigrantes de orixe alemá ou dos xudeus, que controlaban o groso da produción de cervexa, ou a necesidade de que os obreiros ofrecesen a súa máxima produtividade nas súas xornadas laborais.

As proclamas de «Recuperemos o estilo de vida americano» (a que lles soan?) acabaron anos despois con triunfalistas titulares en sentido oposto: «¡Ao fin acabouse a prohibición!». Estados Unidos era unha gran barra de bar (clandestina, iso si) na que campaban os mafiosos, a prostitución habíase disparado, o mesmo que o tráfico de armas e, asociado ao consumo ilegal de alcol nos máis ou menos cen mil garitos que se repartían polo país apareceran outras drogas como a cocaína e a heroína. Non fai falta irse á Biblioteca do Congreso Americano para constatar esta realidade coa que Estados Unidos plantábase en 1933, o cine e a literatura, eses magníficos reflexos da nosa historia recentes, contóunola unha e mil veces.

A importación ilegal de alcol desde Canadá e a fabricación de viño en fábricas clandestinas foron neste tempo actividades moi lucrativas no mundo do hampa, que tamén se aproveitaba das físgoas legais que deixaba o sistema, como a venda de alcol con fins medicinais (aínda que as cifras entre enfermos e consumo non encaixaban, claro) e a distribución para usos relixiosos. De feito, se a produción de viño de californiana non quedou reducida a cero foi debido a esta última razón: os xesuítas mantiveron as súas viñas. A comezos do século XX, California creara unha gran industria do viño que empezaban a gañar concursos internacionais de prestixio. Calcúlase que antes da prohibición había máis de 2.500 adegas comerciais, cando se levantou a prohibición en 1933 apenas quedaban un centenar. Como conseguiron sobrevivir á Lei Seca? Grazas á Igrexa católica. Así que o que fixeron esas adegas foi asinar acordos coa Igrexa e converterse en provedores de viño para a celebración da misa. Iso si, ou ben se incrementaron significativamente as misas que se celebraban durante este período ou ben parte deste viño desviábase para outros fins menos sacramentales, porque a cantidade de viño fiscalizado pola Igrexa pasou de 2.139.000 galóns -un galón equivale a 3,7 litros- en 1922 a 2.944.700 de galóns en 1924. E aquilo non era precisamente un milagre.