«Nos nosos viños a galeguidade é inequívoca»

José M. Orriols

SABE BEN

terras gauda

José María Fonseca decidiu en 1.989 dar un cambio radical á súa vida. «No INEM -explica- facíanse diversos cursos de formación. Impartía as clases un amigo meu e o foi o que me achegou máis coñecementos sobre o viño».

02 oct 2016 . Actualizado ás 05:25 h.

E así comezou todo. Tiña fe no potencial dos brancos galegos e en especial os da zona do Rosal. «Propúxenme dar un paso adiante para facer unha viticultura como Deus manda e busquei a familiares e amigos para formar unha sociedade que se chamou Viñedos do Rosal».

-Non sería tarefa doado convencer os socios.

-Tampouco foi tan difícil. Razoei con eles as posibilidades que vía nos brancos galegos, deilles os meus argumentos, confiaron en min e púxenme ao choio. Tivemos uns anos moi duros, o que xeraba certa incerteza, pero eu dicíalles que non preguntasen, que tivesen paciencia, que bebesen moito viño, puxesen o diñeiro necesario e tivesen fe. Cumprírono a machada e, grazas a que o máis importante que ten esta empresa é a calidade humana de socios e traballadores, naceu Terras Gauda, algo do que hoxe todos estamos moi orgullosos. A fe e a constancia víronse así recompensadas para a satisfacción de todos.

-Sempre di que son galegos por amais de todo.

-Somos unha empresa galega dos pés á cabeza, xa que logo españois e europeos, con vocación universal. A galeguidade dos nosos produtos é inequívoca. Estamos asentados en Galicia, buscamos a singularidade dos viños galegos e que teñan unha fidelidade total á terra.

-Nas dificultades iniciais tivo moito que ver o minifundio?

-Por suposto. Reunir plantacións pequenas para facer unha grande que poida ser rendible para poder traballala con medios modernos é unha tarefa realmente complicada. Pero, sobre todo, polo minifundio mental, que é moito peor. De todos os xeitos, con tesón e constancia todo se consegue e así trazamos unhas liñas de traballo coas premisas de onde iamos, que buscabamos, como facer ese camiño e que medios necesitabamos para chegar ao obxectivo marcado. Funcionou e aquí estamos.

-En moi poucos anos e tres patentes a nivel nacional. A investigación é prioritaria en Terras Gauda?

-Sen dúbida. É imprescindible. Temos a variedade Albariño, coñecida e prestigiada en todo o mundo. Unha uva singular cun potencial aromático extraordinario, e temos que defendela e coidala. Había e hai que buscar as solucións para que sexa máis resistente, para que sexa aínda mellor, para que nada lle faga perder as súas cualidades. Voulle contar unha anécdota. Eu estaba de viaxe en Francia e pasei por un viveiro de plantas e a miña sorpresa foi que había un cartel que dicía «albariño procedente de Terras Gauda». Aquilo foi algo que non pode esquecer, que o conto sempre e do que me sinto moi orgulloso. No noso labor de investigación traballamos coas universidades de Vigo e A Coruña, ademais de ter unha moi estreita colaboración co CSIC a través de Carmen Martínez, responsable de viticultura e enoloxía. A través deles conseguimos esas patentes. A de selección clonal, selección de fermentos, nanoproteinas e o proxecto europeo Foodie sobre agricultura de precisión. Non podemos mandar na climatoloxía, nin conseguir unha colleita mellor que outra, pero se facer traballos de investigación para que os nosos viños sexan recoñecibles porque xa de por se teñen o plus da singularidade e personalidade. O que se podemos é mandar nas leiras e na adega para elaborar os mellores viños brancos do mundo.

-E entre estes plans de I+D+I agora teñen en marcha o Biovervit

-Este é un proxecto novo de agricultura sostible que xa se empregou noutros cultivos, pero que nós aplicamos por primeira vez á viticultura. O que facemos é devolverlle á terra o que primeiramente nos deu, ou polo menos, algo. Explicado moi brevemente. Consiste en engadirlle ao bagazo lombrigas que se alimentan del e descompono. Despois botámolo en forma de abono ás plantas ou tamén como tratamento dalgunhas pragas. Os resultados por agora son moi halagüeños e nestes dous anos de investigación comprobamos que engade máis defensas aos ataques de microorganismos e protexen a vide. Sen dúbida imos seguir nesta liña.