E se Peris leva razón?

SABE BEN

Un lúcida reflexión de Luis Díaz sobre unha das polémicas da semana

02 oct 2016 . Actualizado ás 05:55 h.

Non coñezo persoalmente a Agustí Peris, vaia por diante. Tamén debo admitir que respecto e moito as súas opinións. Mesmo despois da que leou coa súa entrevista en La Voz. O doado fose equiparar a Galicia con algún gran viñedo do mundo. Se o fixeron Eric Asimov, John Gilman ou Ferran Centelles, por que cortarse? Pero non, vai Peris e mete o dedo no ollo da autocompracencia. No fondo, non di nada novo. Luis Gutiérrez, catador do Wine Advocate de Parker para España, deixou caer antes cousas polo estilo. Iso si, con máis man esquerda. Viño a dicir Gutiérrez que Galicia ofrece diversidade e moitos proxectos interesantes, pero sen unha figura clave como foi Bartolo Mascarello en Barolo, ou unha saga como a de Chave no Ródano. Sen nomes que marquen o salto á excelencia do que fala Xoán Cannas. Posiblemente sexa moito pedir en tan pouco tempo, pero se imos na crista da onda hai que estar ás verdes e ás maduras.

A Peris seguramente lle tería gustado atopar en Galicia algún viño atemporal. Máis de estilo que de calidade. Ou polo menos, albiscar con certa claridade que podería chegar a habelo nun futuro non moi afastado. Talvez lle puido a nostalxia daqueles albariños rompedores dalgunhas colleitas de finais dos oitenta. Viños que eran grandes con seis meses e que prometían selo con vinte anos. O certo é que o seu retrato do que pasou desde entón é bastante certeiro. En Galicia consolidouse unha liña media alta na que hai «opción e riqueza». Pero de aí non se pasa. Faltaría aínda ese gran viño que sitúa realmente a unha zona no mapa mundial, máis aló da aritmética dos puntos.

Por ningún lado leo na entrevista que non se produciu evolución algunha en Galicia nestes últimos vinte e cinco anos. Dubido moito que sexa o que quixo dicir Peris, catador pouco amigo de notoriedades, respectado e cun profundo coñecemento do viño a nivel internacional. Claro que se fixeron cousas moi boas en Galicia desde os noventa. ¡Só faltaba! Entón había censadas 70 hectáreas de godello, fronte a máis de 9.000 de catalán. O camiño cara á excelencia será longo, pero nalgún momento hai que empezar a andar. Xente como José Luis Mateo ou Rafa Palacios puxéronse a rozalo, a propósito de que é para outros. Para ese ditoso Mascarello que agora bota en falta Luis Gutiérrez.